Bruxelas, 22 de marzo de 2021. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participa hoxe no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, ao que asiste en representación das comunidades autónomas españolas xunto ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e no que demandou a mellora das propostas de cotas realizadas pola Comisión Europea nas principais especies da frota galega en augas compartidas co Reino Unido.
O Executivo comunitario fixo unha proposta provisional de Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas ante a falla de acordo co Goberno británico que suporía establecer ata o 31 de xullo a parte proporcional sobre o total anual das posibilidades de pesca recomendadas polos científicos do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM) para o presente exercicio. Esa proposta implicaría importantes rebaixas nas cotas de especies como a pescada en Gran Sol e Francia, cun descenso combinado do 13%, o rapante en Gran Sol (-6%) ou o peixe sapo en augas de Escocia, cun recorte do 30%. Mentres, as subas máis relevantes afectan ao peixe sapo en augas de Francia (+18%) e en Gran Sol (+8%).
Galicia entende que o bo estado dos recursos permitiría manter ou incrementar as posibilidades de captura destas especies, polo que defende a mellora das propostas da Comisión Europea e lembra a importancia de ter en conta na xestión das pesqueiras non só os aspectos medioambientais senón tamén os económicos e sociais. Esa mellora contribuiría a paliar parcialmente o impacto do acordo sobre o brexit na frota europea, que viu como perdía o 25% das súas cotas ata 2026 a cambio do acceso ás augas británicas durante só cinco anos e medio, o que complica a obtención de cotas adicionais de distintas especies mediante intercambios con outros países.
A comunidade galega defende tanto para a pescada do norte como para o rapante o mantemento ou incluso o incremento do TAC tendo en conta cuestións relativas á mellora da biomasa segundo reflicten os propios datos científicos. En canto ao peixe sapo, a Xunta avoga por un aumento da cota superior ao que aconsella o ICES, tendo en conta o bo comportamento da biomasa e o alcance e mantemento en anos pasados do Rendemento Máximo Sustentable, é dicir, o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes sen prexudicar o stock.
Augas profundas e especies secundarias
En relación ás especies de augas profundas, como o ollomol e o alfonsino, entre outras, Galicia leva tempo defendendo a eliminación dos TAC, pois son poboacións de peixes sen actividade dirixida, é dicir, adoitan ser accesorias da actividade pesqueira, polo que son de escasa relevancia de captura e sen riscos relativos á súa conservación pola rebaixa do esforzo pesqueiro realizado sobre elas.
A conselleira do Mar tamén lembrou a importancia de manter a bolsa de especies accesorias -aquelas de escasa relevancia de captura, con pouca cota e que se extraen xunto ás especies principais- entre os países membros para evitar que funcionen como especies de estrangulamento impedindo o normal desenvolvemento da actividade da frota.
En canto ás cotas de bacallau e ás relacións en materia pesqueira entre a Unión Europea e Noruega, a titular de Mar subliñou que o incumprimento por parte do Goberno noruegués do acordo de París de 1920 sobre o caladoiro de Svalbard suporía a perda de cotas de captura para a frota española e portuguesa. Ante esta situación, avogou porque as partes cumpran o asinado e Bruxelas faga o que sexa necesario para que o sector poida manter a súa actividade nas mesmas condicións que nos últimos anos.
O Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, no que Galicia volve a acompañar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en representación das comunidades autónomas españolas, celébrase entre hoxe e mañá de xeito presencial por decisión da Presidencia portuguesa da Unión Europea e nel preténdense fixar as posibilidades de pesca ata finais de xullo deste ano en augas compartidas co Reino Unido. O obxectivo é que a frota poida seguir desenvolvendo a súa actividade con normalidade á espera de acadar un acordo definitivo co Reino Unido.



















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



