A Mariña, 14 de abril de 2021. A Mancomunidade, co apoio da Fundación Juana de Vega, comezou a traballar no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino para A Mariña Lucense para presentalo á nova convocatoria de axudas, logo de que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestara en Xove o seu compromiso de solicitar á Secretaría de Estado de Turismo o plan para A Mariña neste 2021.
Durante esta semana representantes da Mancomunidade e dos Concellos, xunto coa Fundación Juana de Vega, mantiveron unha reunión de traballo para revisar a nova convocatoria ordinaria para o ano 2021 da Secretaría de Estado de Turismo.Tamén se mantivo unha xuntanza co tecido asociativo da comarca, onde foi presentado e analizado dito plan xunto ao sector privado turístico.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, explicou que “desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña este ano de novo imos optar ao Plan de Desenvolvemento de Turismo Sostible, que sería moi importante para a comarca porque son uns recursos cuantiosos, estamos a falar de que ata 4 millóns de euros se poden solicitar este ano. Sería un plan a tres anos que a verdade é que nos posicionaría no eido turístico nun moi bo lugar”.
Para Fran Cajoto “a Mariña ten uns recursos moi importantes que temos que explotar, sabemos que temos aínda moito campo de mellora e o que hai que facer é traballar, para iso necesitamos eses fondos e un plan coordinado de todos os concellos e niso estamos todos comprometidos.
Estou moi satisfeito de como todos os Concellos, independentemente da súa cor política, están concienciados con esta necesidade. Tivemos unha reunión o luns de todos os municipios, tamén este martes mantívose unha reunión de traballo con organizacións económicas, desde a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería ata a propia Federación de Comercio da Mariña e outros organismos que están representados a distintos niveis, coa idea tamén de sumar. E grazas á colaboración da Fundación Juana de Vega de facer o mellor plan posible”.
O presidente da Mancomunidade lembrou que “o ano pasado o noso plan estaba moi ben valorado tecnicamente e así nolo transmitiron tanto desde a Xunta de Galicia como desde a Secretaría de Estado de Turismo, e agora o que necesitamos é o apoio político. Así o trasladamos, que cada un no seu ámbito de influencia demande ese apoio. Ao final consiste en que os proxectos que saian de Galicia estean posicionados o máis arriba posible, e seguro que co apoio, porque a parte técnica está moi ben elaborada, da Xunta de Galicia e da Secretaría de Estado de Turismo poderemos contar para os anos 2022, 2023 e 2024 cuns recursos, cun plan definido e cunha estratexia turística nun ámbito que ten gran marxe de mellora na comarca e que nos permita crear postos de traballo e posicionarnos, e que recorden en todo o territorio nacional que Lugo ten unha costa marabillosa”.
Cajoto engadiu que “agora mesmo o que nos toca é traballar, preparar toda a documentación, enviala en tempo e forma, que temos ata mediados de maio para facelo, e agardar eses apoios para que desta vez saia o Plan de Desenvolvemento de Turismo Sostible para A Mariña e que o desfrutemos todos”.
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense que elaborara para a pasada convocatoria, coa axuda da Fundación Juana de Vega financiada polo goberno autonómico, un Plan de Sustentabilidade Turística por importe de 3 millóns de euros a desenvolver do 2021 a 2023, traballa en reactivar este plan que ten por obxectivo impulsar un desenvolvemento turístico sostible e rendible na Mariña Lucense cunha visión do turismo a longo prazo, poñendo en valor o seu patrimonio cultural e natural protexido, que permita á súa vez crear e consolidar produtos turísticos con recursos endóxenos e de calidade e que contribúa á desestacionalización, á redistribución dos fluxos turísticos e a cohesión territorial para frear a perda demográfica nas áreas rurais dos 16 municipios. Nese eido, trabállase en diferentes eixos estratéxicos que tratan á Mariña como un todo, sen localismos e coa implicación dos diferentes alcaldes, alcaldesas e responsables de turismo.
Os Plans de Sustentabilidade Turística son solicitados polas entidade locais. Neste caso será de novo a Mancomunidade quen fará a solicitude, que abarca todo o xeodestino, alentada e co apoio da Xunta de Galicia. Este Plan podería chegar a contar cun orzamento de 3 millóns de euros para un período de 3 anos (2022-2024). O Estado a través da Secretaría de Estado de Turismo financiaría o 40-45%, a Xunta de Galicia outro 40-45% e a Mancomunidade financiaría o 10-20% restante.
























A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.



