A Mariña, 27 de setembro de 2021. En outubro chega unha nova edición de A Mariña en Ruta, que organiza a Mancomunidade de Concellos para axudar á dinamización da comarca no outono. O obxectivo pasa por atraer escapadas de fin de semana para os galegos e as galegas e para as comunidades autónomas máis próximas. O calendario de rutas para as vindeiras semanas foi presentado este mediodía no Cenima, en Foz.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, lembrou que “o proxecto A Mariña en Ruta, promovido pola Mancomunidade de Concellos, co apoio da Xunta de Galicia para a súa coordinación e execución e da Deputación de Lugo para a promoción en medios, consiste nun programa de rutas e actividades en torno á cultura e á natureza que durante esta edición dotará á Mariña Lucense dunha oferta turística complementaria suxerinte e ao aire libre. O obxectivo é desestacionalizar o turismo. Despois dun verán cunha moi boa afluencia de xente o Plan de Sostibilidade, orzamentado con 2,25 millóns de euros e que arrinca no 2022, tennos que consolidar como unha referencia turística para os 12 meses do ano, de xaneiro a decembro, e con esa teima traballamos”.
Esta edición, coa colaboración para a súa coordinación e execución da empresa de turismo activo Volta Montana, ven supoñer a valorización do entorno natural, a historia, a etnografía e a arqueoloxía da Mariña Lucense a través de 10 roteiros que se realizarán durante os meses de outubro, novembro e principios de decembro nos concellos de Trabada, Burela, A Pontenova, Riotorto, Barreiros, Lourenzá, Viveiro, O Vicedo, Xove, Mondoñedo e Alfoz.
Cajoto subliñou que “neste 2021, nun exercicio de compensación que irá marcando as distintas edicións, o proxecto pretende dar a coñecer a contorna natural e cultural dos concellos que contaron con menos actividades o pasado ano. Estes roteiros, coma o ano pasado, invitan a coñecer a riqueza dos concellos nos que se desenvolven, fomentando o goce das actividades na natureza e ao aire libre que na Mariña se poden realizar da man de guías locais e experimentados no territorio coma: Pedro Rolle, Guido Álvarez, Boris Vilar, Lidia de la Fuente, Sofía López, Claudia del Pino, Noela Feal ou Fran Canosa”.
Éxito da pasada edición
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, dixo que “o ano pasado A Mariña en Ruta foi un auténtico éxito, coa axuda tamén da empresa de turismo activo Maremasma e mais concretamente de Carlos Gil e Ana de Lara, que este ano non poden estar e lles queremos agradecer publicamente o seu esforzo para poñer en marcha o proxecto, e iso propiciou que este ano esteamos hoxe aquí presentando esta nova edición”.
E contou que “por recompilar algúns datos, durante agosto e setembro do ano pasado gozaron de A Mariña en Ruta 327 persoas, cubríndose o 92% das prazas dispoñibles. O 100% dos enquisados repetiría a experiencia, considerou que a iniciativa dinamizaba a oferta turística do territorio e que debería seguir no tempo. As valoracións aos guías, piar fundamental do proxecto, foron excelentes, cunha puntuación media de 9.6 sobre 10, un 9.4 á organización e un 9.7 á iniciativa no seu conxunto. Con estes datos, o proxecto continuou durante o outono do pasado ano para dar a coñecer, con máis rutas e novas propostas, as potencialidades da Mariña Lucense nesta época. Daquela só un total de 37 persoas puideron participar nas 7 rutas organizadas, completándose todas as prazas dispoñibles e quedando 168 persoas en lista de espera nesa edición de outono, especialmente marcada polas restricións de aforo de entre 4 e 5 participantes”.
Fran Cajoto engadiu: “polo que con estes resultados non puidemos facer mais que seguir apostando por este proxecto neste 2021 e agardamos poder darlle a oportunidade a esa xente que se quedou sen desfrutar do noso territorio deste xeito especial e a outra nova que o descubra agora”.
No acto tamén tomou a palabra Paloma Vázquez, xefa da Área Provincial de Turismo de Galicia, que felicitou á Mancomunidade pola realización deste proxecto e destacou que a súa presentación se faga coincidindo coa celebración do Día Mundial do Turismo.
Piares do proxecto de 2021
O proxecto xira entorno a catro eixos fundamentais, segundo Cristina Collazo, da empresa Volta Montana: “equipo, contamos cos diferentes axentes e profesionais do sector especialistas en cada área de traballo, reunindo un equipo de enorme calidade humana que conforman a base fundamental desta iniciativa; contido, elaboramos un programa novo, diferenciador, diverso e inclusivo, creando e reforzando un produto ecoturístico de calidade, a programación e nivel de dificultade dos roteiros interpretativos é variado adaptándose a todo tipo de públicos; transversalidade, temos en conta a distribución equitativa das diferentes actividades nos diferentes municipios, estamos diante dun proxecto de carácter transversal dende o punto de vista xeográfico; e legalidade, tendo en conta a normativa vixente de Turismo de Galicia en canto a Guías Oficiais de Galicia e en actividades na natureza, seguros de responsabilidade e Covid19”.
As rutas terán lugar os sábados de outubro, novembro e decembro, agás a primeira, que será este domingo, 3 de outubro. Terán unha duración de 2 a 3 horas e poderán participar en cada unha un máximo de 25 persoas mais a/o guía. O prezo será de 5 euros (individual), 8 euros (parella) e 12 euros (familiar ou grupo de ata 5 membros). As persoas interesadas en gozar de A Mariña en Ruta poden atopar información e facer a reserva de prazas en https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta ou poden contactar a través da seguinte dirección de correo electrónico: enruta@amarinalucense.gal e o teléfono +34 690 61 47 49.
Rutas de outubro
A Berrea, camiñando en terra de cervos. Con Pedro Rolle. Domingo 3: Unha ruta polos montes de A Fraga Vella, entre Mondoñedo e Alfoz, para empaparnos da maxia do outono nun entorno natural único.
Trabada, unha viaxe ao pasado. Con Boris Vilar. Sábado 9.
Burela, porto histórico á beira do Cantábrico. Con Lidia de la Fuente. Sábado 16.
A Pontenova, natureza do ferro. Con Boris Vilar. Sábado 23.
Terra de Ferro e Soños (Riotorto). Con Pedro Rolle e Guido Álvarez. Sábado 30.
























Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.
Villares destacou que a Administración autonómica reafirma o seu compromiso con esta cita, adicada a enxalzar a calidade deste produto do mar e a poñer en valor o esforzo dos profesionais do sector. Así mesmo, subliñou a importancia das festas gastronómicas na promoción turística e na dinamización económica da zona.
Este lume comezou o pasado mércores ás 13,35 horas e afectou finalmente unha superficie de 31,5 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, en total, 2 técnicos, 13 axentes, 27 brigadas, 24 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
Félix Jorquera pasou polos micrófonos de RadioVoz no Barco Museo Boniteiro Virxe do Carme ao concelleiro de Mar, Ramiro Fernández; á presidenta de Ledicia (entidade organizadora), Rocío Rivera; ao presidente da Fedaración estatal de confraría de pescadores, Basilio Otero; ao xerente de Expomar, José Manuel González; ao membro de Fanto Fantini (entidade organizadora do Festival Osa do Mar), Diego Campo; á pregoeira Paula Jorge Hora; ao cociñeiro Bruno Pena e á alcaldesa e Presidenta da Deputación, Carmela López.


