Compostela, 4 de outubro, 2021. ADEGA vén de presentar dous recursos de alzada contra senllos parques eólicos de Greenalia (Bustelo e Monte Toural) recén aprobados pola Xunta. Son como moitos outros, exemplo de fragmentación artificial e danos a especies ameazadas e se a Xunta non recúa, acabarán no contencioso.
Unha fragmentación artificial para beneficiarse das prebendas de Feijóo e obviar o impacto conxunto
As instalacións dos parques eólicos “Bustelo” e “Monte Toural” promovidas por Greenalia sitúanse na contorna da Braña Rubia-Lagoa de Alcaián e nas proximidades do Monte Castelo. Nesta reducida área atópanse en tramitación outro parque eólico “Campelo”, tamén promovido pola empresa da ex-conselleira Beatriz Mato.
Son tres parques da mesma promotora, que coinciden na mesma área xeográfica e partillan infraestruturas -liñas de evacuación, accesos e estación transformadora-. Son portanto, un mesmo parque eólico despezado en 3, para non superaren individualmente os 50MW de potencia e consecuentemente, seren tramitados pola Xunta.
Esta práctica fraudulenta persegue por unha banda acollerse ás vantaxes na tramitación administrativa derivadas da declaración de “interese especial” consonte a Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (alcumada “Lei de Depredación”), declaración que as tres instalacións citadas xa acadaron mediante Resolución do 27 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.
Por outra banda, a fragmentación dun mesmo proxecto en varias partes pretende tamén evitar unha axeitada avaliación ambiental ao ignorar os efectos sinérxicos causados polo conxunto dos proxectos sobre os hábitats, especies, paisaxes, patrimonio, recursos e servizos ecosistémicos presentes nas áreas de desenvolvemento eólico atinxidas.
Este feito, xunto coas evidentes vantaxes administrativas (redución de prazos, tramitación prioritaria e prevalencia da utilidade pública) que para a empresa supón a interesada fragmentación en tres proxectos, lesiona o exercicio dos dereitos cidadás de información e participación pública, perxudicando aos intereses xerais e mesmo aos particulares, ao mermarse a capacidade de resposta e de negociación coa promotora.
Impactos sobre especies endémicas en perigo de extinción, asumibles para a Xunta
As obras destes tres parques eólicos afectan tamén a especies vulnerábeis e en perigo de extinción (Decreto 88/2007 do 19 de abril polo que se regula o Catálogo Galego de especies Ameazadas), e mesmo a endemismos botánicos únicos. Trátase da Lycopediella inundata (en perigo de extinción), a Euphorbia uliginosa (en perigo de extinción), a Spiranthes aestivalis (vulnerábel) ou a Centaurea ultreiae (en perigo de extinción). Hai xa precedentes de danos a esta especies protexidas na contorna da Braña Rubia pola apertura dunha pista en 2016, denunciados no seu momento por ADEGA.
Particular atención merece a Centaurea ultreiae Silva Pando. Esta planta é un endemismo galego cuxa poboación mundial total está composta por 6.821 individuos en perigo crítico de extinción (Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España, 2004) distribuídos en dúas cuadrículas de 10×10 km arredor do Monte Castelo e acontorna da Braña Rubia-Lagoa de Alcaián (ver mapa).
As principais ameazas sobre esta especie proveñen da fragmentación dos seus hábitats e da transformación do substrato. As medidas de conservación apontadas nos catálogos oficiais pasan pola restrición dos usos do territorio e o mantemento das actividades tradicionais e pouco agresivas evitando a apertura de novas pistas e viais.
Precisamente as obras dos parques (pistas, gabias, liñas de evacuación eléctrica, estacións de control e transformación, etc.) suporán un risco certo de destrución do hábitat e de exemplares desta especie protexida.
Esta circunstancia é asumida pola empresa que, malia a descartar nos primeiros Estudos de Impacto a afección á Centaurea ultreiae, finalmente e logo de modificados, recoñeceu “unha posible afección sobre algún exemplar durante as obras dos outros proxectos que ten previsto executar na mesma contorna (PE Monte Toural, PE Campelo e LAT Campelo-Mesón)”. Aínda así a Xunta deu por boas as medidas compensatorias e autorizoulle os parques a Greenalia…
Para “axustar” os seus proxectos Greenalia contou ademais con información privilexiada: as memorias técnicas do “Plan integral de recuperación e conservación das especies vexetais en perigo de extinción da zona de Bergantiños (Centaurea ultreiae Silva Pando e Euphorbia polygalifolia Welw. ExBoiss)”, documentos non públicos entregados en 2010 para a protección destas especies e que a Xunta aínda non aprobou 11 anos despois.
Presunta fragmentación artificial, danos a especies en perigo. tramitación fraudulenta, uso de información privilexiada, trato de favor… Hai razóns máis que suficientes para acudir nestes casos á vía xudicial, se como semella a Xunta vai manter a súa vontade de autorizalos. E hai outros parques eólicos en parecidas circunstancias contra os que dende ADEGA tentaremos actuar na medida das nosas posibilidades, logo de rematada a vía administrativa.





















Tamén puxo en valor o labor de Fonmiñá e a importancia dunha cita cultural que cumpre 48 edicións. Para Vilalba, a incorporación da actriz ao Paseo do Cine é un recoñecemento que a vila sente como propio.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.



