Foz, 1 de outubro, 2021. O 1 de outubro de 2021 conmemórase o 31 aniversario do Día Internacional das Persoas Maiores, instaurado pola Asemblea Xeral da ONU, na súa resolución 45/106. Para CCOO non é só un día de celebración, senón tamén de reivindicación e propostas que dean solución aos retos aos que afrontamos como colectivo.
CCOO reclama tamén neste día a visibilidade e a necesidade de recoñecer as grandes achegas que das persoas maiores realizamos ao avance da nosa sociedade, así como a crear conciencia interxeracional sobre as diferentes oportunidades e desafíos do envellecemento activo.
Os países en desenvolvemento albergarán máis de dous terzos da poboación de idade avanzada do mundo, que alcanzaremos a cifra de 1100 millóns de persoas maiores no 2050. Hoxe, no noso país, as persoas maiores de 65 anos son case o 20 % dos algo máis de 47,3 millóns de habitantes.
O noso recordo inicial neste 1.º de Outubro é para os miles de persoas falecidas na pandemia provocada pola covid-19, que asolou a nosa sociedade; tamén vai o noso abrazo solidario para as súas familias. Precisamente, foi esta grave crise sanitaria a que sinalou con maior claridade as luces e as sombras que presenta o noso estado de benestar. Dun lado, malia o innegable esforzo realizado por toda a sociedade e, especialmente, polos servizos públicos de saúde e de servizos sociais, temos que lamentar o elevado custo en vidas humanas rexistrado, especialmente entre a poboación de maior idade, debido nuns casos á insuficiencia de recursos para atallar a crise sanitaria e, noutros, á ineficiencia e a falta de coordinación política. Desde aquí reclamamos que os procesos xudiciais abertos para esclarecer, en determinadas situacións, a responsabilidade do sucedido, e cantos outros precisen este tipo de actuación, se resolvan coa maior celeridade, e que sirvan para evitar situacións similares no futuro.
Pero tamén debemos felicitarnos porque, noutras esferas, a pandemia serviu para visualizar a importancia dos servizos públicos en garantir o benestar de todas as persoas e o éxito compartido que supón que, como sociedade, foramos capaces de superar unha situación tan crítica. Debemos destacar o proceso mundial de vacinación, desenvolvido nun tempo récord. Un fito que non sería posible sen a existencia de Estados cunha conciencia social forte, como os que reclamamos este 1.º de outubro.
Neste contexto non podemos obviar, por tanto, os retos que aínda afronta o colectivo de persoas maiores e a urxente necesidade de resolver as numerosas lagoas que presenta o sistema de protección social.
Na situación de crise sanitaria actual, a vida das persoas maiores e a calidade desta está condicionada, por un lado, a que se aseguren e fortalezan uns bos servizos públicos, capaces de manter as medidas de hixiene. Por outro, a que xeremos espazos de convivencia que primen as necesidades sociais en condicións de seguridade, como cidades máis peonís e ciclables ou redes de apoio á poboación vulnerable.
As persoas maiores preferimos envellecer nas nosas casas, pero un dos principais problemas é a accesibilidade aos nosos propios fogares; en España hai arredor de cinco millóns de edificios sen ascensor, amais doutras barreiras arquitectónicas; polo cal, uns 1,8 millóns de persoas non teñen a posibilidade de saír da casa.
Canto á atención a domicilio, hai que identificar as persoas con maiores necesidades de atención e priorizar os coidados considerados imprescindibles en cada caso, para así poder reorganizar os recursos. Ínstase a que sexan os e as asistentes sociais das respectivas consellerías de servizos sociais as que, no marco dunha adecuada coordinación sociosanitaria e baixo a dirección dos servizos públicos de saúde, avalíen as situacións persoais e sociais das persoas usuarias, e non as empresas que actualmente prestan estes servizos.
O feito de que as persoas maiores sexan vulnerables non implica nin moito menos que perderan a saúde ou capacidades. Os homes e as mulleres que superan os 65 anos seguen tendo aínda expectativas de vivir décadas. Por iso, pública e colectivamente, debemos asumir o desafío de que as súas vidas sexan saudables e activas.
Nese sentido, os sistemas públicos de saúde, dependencia e servizos sociais son elementos esenciais para lograr envellecer en condicións saudables e con autonomía. Ademais, son instrumentos para loitar contra a desigualdade en todas as etapas da vida, abordando as diferenzas territoriais así como a cobertura de servizos e recursos destinados ás persoas maiores.
Hai que seguir garantindo o sistema público de pensións. O último acordo é moi importante, pois elimínase o índice de revalorización das pensións (que limitaba as subas anuais ao 0,25 %), elimínase o factor de sostibilidade, o Estado asume as políticas de interese xeral (emprego, igualdade, apoio sectorial…) que se viñan financiando con cotizacións á Seguridade Social, e comprométese a garantir o sistema público de pensións, ao incluír na Lei xeral da Seguridade Social unha cláusula mediante a cal se transferirá anualmente, a través dos OXE, unha cifra que no 2021 suporía arredor dun 2 % do PIB: 22 000 millóns de euros. Isto representa unha gran mellora nos ingresos do sistema e, polo tanto, da sostibilidade das pensións. Pero hai unha segunda fase que se negociará no outono e estaremos moi atentos para que se peche cun acordo.
A desigualdade laboral plásmase claramente na fenda existente nas pensións. Tanto o tipo de pensión como as súas contías sitúan as mulleres nunha posición visiblemente peor ca a dos homes. Xa desde antes da crise, as condicións laborais e os distintos niveis de corresponsabilidade social repercuten na contía das futuras pensións e manteñen a desigualdade no acceso a elas e na súa determinación. As políticas para evitar e atacar as consecuencias da crise económica e de coidados nas condicións de traballo, renda e vida das mulleres deben ter un papel protagonista na eliminación da fenda existente.
Por todo o anterior, reclamamos que a axenda política do noso país recupere o impulso dunha Lei integral dos dereitos das persoas maiores.
Esta norma debe garantir unha protección específica aos maiores e ter en conta os ámbitos da saúde, a vivenda, a protección social e económica, a protección xurídica, a cultura ou o ocio. Tamén a non discriminación por razón de idade e garantir a visibilidade e participación activa dos maiores en todos os ámbitos da sociedade. En definitiva, unha norma que protexa e impulse a idea do envellecemento activo como un logro obtido polos avances científicos e técnicos do coñecemento humano e, á vez, como un reto para conseguir que durante o tempo que se prolongue a vida se garanta a súa mellor calidade.
Por todo iso hoxe, día 1 de outubro, a Federacións de Pensionistas e Xubilados de CCOO reclama:
1) O desenvolvemento e implantación de políticas públicas en materia de promoción de saúde é imprescindible para garantir o envellecemento activo, xa que afecta de forma directa á deterioración da saúde e as capacidades autónomas das persoas maiores. Faise cada día máis imprescindible que o gasto sanitario público alcance, ao menos, o 7,2 % do PIB, algo que levamos anos reivindicando. Ese incremento no financiamento debe acompañarse do incremento do gasto en atención primaria ata o 25 % do total do gasto sanitario, para conseguir acercar á poboación os servizos sanitarios e dar máis capacidade resolutiva á atención primaria.
En Galicia, cómpre restituír a atención primaria á situación prepandemia: recuperar accesibilidade e presencialidade, restablecer as capacidades, paralizar o peche de centros de saúde e reabrir os pechados en horarios de mañá e tarde. A mellora da atención primaria depende de que se incorporen novas categorías profesionais para liberar a medicina de familia (logopedia, podoloxía, nutrición, xeriatría, etc.) e de que se impulse a promoción, prevención, rehabilitación e actividades comunitarias dirixidas a actuar sobre os determinantes da saúde.
2) Seguir protexendo as persoas maiores da covid-19. Hai que considerar tres situacións: persoas maiores autónomas, persoas que requiren axuda a domicilio e persoas residentes en centros de maiores. O primeiro dos casos require illamento e prevención primaria, pero os outros dous precisan dunha aposta polo establecemento de criterios comúns en todo o territorio español, amparando os dereitos de atención á dependencia e a saúde pública, con cooperación interadministrativa, e criterios claros de actuación que deberán aplicar as administracións competentes.
3) Aumentar a capacidade de resposta do sistema de atención á dependencia ante a crise sanitaria, pois resultou manifestamente débil. Desde o 2012, o desenvolvemento do sistema foise asentando sobre unha fraxilidade que se fixo patente os últimos anos. Potenciar o sistema sobre o eixe crucial da calidade é clave para afrontar os retos demográficos que están por vir. Hai que insistir na relevancia de reorganizar os centros de atención ás persoas dependentes adecuando os seus recursos e espazos en función do grao de dependencia.
4) Garantir pensións dignas e suficientes, tanto para nós como para os futuros pensionistas. Mostramos neste sentido o noso apoio ao proceso de diálogo social que as organizacións sindicais veñen impulsando desde hai décadas e que se demostrou como o método máis eficaz para garantir pensións dignas, suficientes e sostibles. Ese proceso permitiu recuperar a revalorización das pensións ligadas ao IPC, garantindo o poder adquisitivo de todos os pensionistas; e agora debe culminarse nunha segunda fase na que se revisen as contías das pensións mínimas e as non contributivas, elevándoas ata un nivel suficiente e digno.
5) Os partidos políticos han ter en conta que o colectivo de persoas maiores é moi vulnerable a políticas de recortes en calquera materia (sanidade, vivenda, pensións…). Máxime cando, en demasiadas ocasións, son as persoas maiores as que se ven obrigadas a asumir o papel de sustentadoras principais dos seus fillos e netos; non é anecdótico que as pensións supoñen a principal fonte de ingresos de máis do 25 % dos fogares.
6) Erradicar a pobreza enerxética, pois o prezo da luz é desorbitado. Deberían implantarse medidas específicas para a poboación máis vulnerable, como, entre outras, desenvolver programas para a poboación que, por encontrarse en situación de pobreza enerxética, non pode acometer ningunha medida de eficiencia enerxética e necesita que as Administracións públicas (Goberno central, gobernos autonómicos e municipais) financien esas actuacións; ampliar e reforzar o bono social para as persoas vulnerables; estender o prazo de moratoria aos cortes de luz para a poboación vulnerable; ou aplicar unha tarifa máis baixa para un consumo mínimo vital nos primeiros kWh consumidos.
7) Erradicar os desafiuzamentos. Cada día, unha persoa maior é despoxada da súa vivenda; sofren desafiuzamentos por contías mínimas. É obrigado deseñar políticas públicas que acaben de vez con estas situacións, buscando inicialmente solucións habitacionais ás familias, ata terminar modificando a lexislación vixente.
8) Apoiar a España baleirada. Se alguén sofre os efectos da falta de servizos, o empobrecemento e o abandono institucional na España baleirada, son os que maioritariamente a habitan: as persoas maiores. Urxe facer políticas que a saquen do esquecemento, cómpre un debate nacional sobre a España que queremos e como a queremos estruturar.
9) Poñer as medidas necesarias para evitar a exclusión financeira derivada tanto da dixitalización e as dificultades para o uso das tecnoloxías coma do peche de oficinas que obriga a moitas persoas maiores a desprazarse a outras localidades para acceder servizos bancarios.
10) Desenvolver definitivamente o Plan Nacional sobre Envellecemento Activo, paralizado desde o ano 2018.
11) Existe marxe fiscal para garantir o financiamento destas medidas; debemos impulsar unha reforma fiscal xusta e suficiente, que nos aproxime á achega fiscal media dos países europeos do noso contorno.



















O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



