Lugo, 1 de decembro de 2021. Os primeiros 5 usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores Santa María de Meira da Deputación de Lugo comezaron este mércores a vivir nas recentemente inauguradas instalacións provinciais. Todas as persoas son do propio municipio, e xa acudiron nos días previos a escoller a súa habitación e a coñecer ao cadro de persoal que prestará servizo nesta dotación social.
O equipo do CAM de Meira preparou para estas primeiras xornadas actividades e momentos de confraternidade para facilitar o máximo posible a integración e a familiarización co seu novo lugar de residencia. Para inaugurar o inicio desta nova etapa, compartirán co persoal un xantar e unha cea que contará cun pequeno aperitivo de benvida.
Un motor social e económico
Esta nova dotación social conta con 30 prazas de residencia, que poderán ser ampliables a 38 se fose preciso. Nace coa mesma filosofía dos centros provinciais: ofrecer un servizo público de calidade que garante o benestar e a tranquilidade dos usuarios e usuarias e as súas familias, favorecer o arraigo dos maiores no seu entorno e, ademais, crear emprego e dinamizar a economía.
Conta con 25 traballadores e traballadoras co obxectivo de que a atención sexa o máis personalizada posible, dispoñendo practicamente de case un traballador por residente. Así mesmo, cómpre engadir que ademais dos empregos directos, a nova residencia xera empregos indirectos na comarca, pois todo o que necesite a residencia e que sexa posible comprar na zona, comprarase na zona.
En canto ao arraigo dos maiores no seu entorno conséguese este obxectivo por dous motivos. Por un lado, porque no acceso ás prazas tiveron prioridade os veciños e veciñas do concello, logo os veciños da comarca e seguidamente os do resto da provincia de Lugo. Polo tanto, as persoas que necesitan coidados e que queren vivir en Meira, teñen a oportunidade de facelo, quedándose no lugar no que pasaron toda a vida, xunto ás súas familias, amigos e veciños.
Un investimento provincial de 2M€
A Deputación de Lugo fixo un investimento de 2M€ na construción, equipamento e posta en marcha da residencia de Meira, ao que hai que sumar a aportación do Concello, que sumou uns 200.000€ e o terreo no que se sitúan as instalacións.
O Centro de Atención a Maiores Santa María de Meira ocupa unha extensión de 3.312 m2, dos cales 734 m2 están destinados ao edificio. Esta parcela atópase na rúa Grupo Escolar, no casco urbano da vila. O edificio conta con planta baixa coas seguintes dependencias: vestíbulo, recepción, aseos adaptados, baños asistidos, despacho de dirección, sala de curas, rehabilitación, sala polivalente, sala de convivencia, sala de terapia, comedor, servizos de cociña, servizos de lavandería e vestiarios do persoal.
No primeiro andar sitúase o control de enfermaría, baño xeriátrico e 14 habitacións con baño individual. Na segunda planta, hai un local de apoio e outras 16 habitacións con baño individual. Son, polo tanto, 30 habitacións, que poderán ser dobres en caso de necesitar máis prazas na residencia. Os residentes contarán con camas de 105cm, fronte aos 90cm habituais noutros centros, e contarán tamén con mobiliario exterior.
Rede provincial de centros de maiores
A de Meira é a cuarta residencia que abre a Deputación de Lugo no que vai de mandato, e a sétima da rede provincial, pois xa están en marcha Pol, Trabada, Ribadeo, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e A Fonsagrada, e “seguiremos avanzando para cumprir cos compromisos que como institución temos adquiridos en materia de residencias”, confirmou o Presidente.
No ano 2022, a institución provincial ten previsto abrir seguindo este modelo os centros de Navia de Suarna e Ribas de Sil, ademais de traballar noutros proxectos, como os da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol, Folgoso do Courel ou Ferreira de Pantón, entre outros.




















A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



