Ribadeo, 27 de xaneiro de 2022. Acisa pide responsabilidades polo corte de luz que se produciu esta mediodía en Ribadeo. A patronal ribadense agarda que Viesgo e Begasa lles expliquen aos empresarios e á veciñanza que está a pasar co subministro eléctrico neste concello.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, subliñou que “este mediodía preto das dúas da tarde produciuse un corte no subministro eléctrico en Ribadeo duns cinco minutos de duración. Foi a unha hora punta para o sector hostaleiro, que estaba a servir as súas comidas, e tivo incidencias na xente que está a tele traballar nos seus domicilios por mor da situación sanitaria que estamos a vivir, nas tendas que neses momentos están a piques de pechar, nos supermercados, nas farmacias… en todos os negocios que estaban abertos nese momento”.
O xerente, Jesús Pérez, sinalou que “non se pode permitir o que está a pasar en Ribadeo coa luz. De cando en vez temos que sufrir estas incidencias no subministro eléctrico, que ocasionan moitas veces danos importantes en cociñas, frigoríficos, ordenadores, rexistradoras, etc… hoxe non nos valen as disculpas de temporais, chuvias, tormentas, vento… porque disto hoxe nada de nada. E si teñen que facer revisións, traballos, etc, o menos que poden facer é avisar ao empresariado afectado e á veciñanza”.
Iriarte Quintana dixo que “a imaxe que damos de Ribadeo, con estes cortes de luz que non cesan, é bastante penosa”. E esixiu responsabilidades: “en nome de Acisa e dos máis de 160 negocios asociados esiximos a Viesgo e a Begasa unha explicación e que se fagan cargo dos danos causados con estes cortes de luz, que estamos a sufrir unha vez máis en Ribadeo. Canto máis se encarece o recibo, peor subministro temos. E iso non pode ser. E tamén lles pedimos ás administracións que velen porque o servizo que recibimos se preste coa debida calidade”.
Acisa enviou unha carta a Begasa e a Viesgo para facerlles chegar o malestar da asociación ribadense en particular, “algo que tamén nos transmiten os clientes dos negocios e os veciños e as veciñas de Ribadeo”.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.


