Compostela, 7 de marzo de 2022. A Executiva da CIG-Saúde reuniuse esta mañá cos deputados nacionalistas no Congreso, Néstor Rego, e no Parlamento de Galiza, Montse Prado, para trasladarlles a súa demanda de que se reforme con urxencia a lei 55/2003 do Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos servizos de saúde para que se recoñeza o dereito á xubilación parcial e anticipada das traballadoras e traballadores da sanidade pública. Demanda que os representantes do BNG se comprometeron a levar a ambas as dúas cámaras.
Así, o deputado nacionalista, Néstor Rego, afirmou que o BNG presentará no Congreso unha iniciativa dirixida a que se recoñeza o dereito á xubilación anticipada do persoal da sanidade pública. Dereito que, lembrou, xa está recoñecido para o persoal doutras administracións e que “non é de recibo que non teñan as persoas que dedican a súa vida a coidar da saúde do conxunto da poboación”.
A isto engadiu que non só favorecería ás traballadoras e traballadores da sanidade pública ao chegar a esa idade, senón que tamén posibilitaría rexuvenecer os cadros de persoal. Algo do que a sanidade pública está moi necesitada. Na mesma liña, a deputada no parlamento de Galiza, Montse Prado explicou que o BNG presentará tamén nesta cámara, unha iniciativa nese sentido.
Recoñecemento xa
A CIG-Saúde entende que o Ministerio debería xa recoñecer o dereito á xubilación anticipada. Explica que agora mesmo se exixe ter, como máximo, dous anos menos respecto da idade ordinaria de xubilación. Fronte a isto, a secretaria nacional, María Xosé Abuín, explicou que todo o persoal da sanidade pública con máis de 35 anos cotizados, ao cumprir os 63 anos tería que poder acceder co 100% á xubilación, sen aplicarlles os coeficientes redutores que van do 6,5 ao 7,5% anual, incluíndo ademais o complemento por maternidade. Coeficientes que chegan a provocar unha perda de poder adquisitivo das súas pensións de até o 25%.
Abuín subliñou que se deberían contemplar tamén as singularidades do persoal da sanidade porque, tal e como admite a disposición adicional sétima da Lei 40/2007, “o persoal estatutario ten singularidades que o distinguen do resto do funcionariado pola propia natureza do servizo público sanitario”.
Neste sentido apuntou que o sistema sanitario ten prestación de servizo continuado, as 24 horas do día e os 365 días do ano, e que hai múltiples estudos que demostran como isto afecta negativamente á saúde das persoas que traballan a quendas, transcorridos máis de 15 anos.
A isto engadiu o aumento dos riscos psicosociais que xeran problemas de saúde ao persoal ao traballaren en contacto coa enfermidade, tomar decisións sobre a vida doutras persoas ou pola presión familiar. Isto xunto coa exposición continuada a riscos biolóxicos, químicos ou medioambientais, entre outros.
Problemas recoñecidos pola propia administración
A secretaria nacional de CIG-Saúde lembrou ademais que a propia administración recoñece, nos plans de ordenación de recursos humanos, problemas como unha pirámide de poboación envellecida, o que incrementa o número de incapacidades temporais e o gasto no capítulo de persoal ou a imposibilidade de asumir os acordos sindicais relativos a que o persoal facultativo deixe de facer gardas ao cumprir cincuenta e cinco anos. Dereito que a administración denega alegando, segundo a CIG-Saúde, que cada día hai máis persoas nesta situación e se incrementa o custo de facer contratos a novo persoal.
Canda isto, a propia administración recoñece tamén a imposibilidade de que o persoal deixe de traballar en horario nocturno ao cumprir 55 ou 60 anos, malia os danos na saúde provocados polos cambios continuados de horarios ou a imposibilidade de adaptar postos a persoas con problemas de saúde laboral.
Cambios normativos necesarios
Diante desta situación, a CIG-Saúde solicitou aos representantes do BNG que trasladen á súa vez ao Congreso a demanda de que se articulen as medidas normativas necesarias para garantir, coa maior urxencia, o dereito do persoal estatutario dos servizos de saúde á xubilación anticipada e parcial.
E no Parlamento de Galiza, que se urxa a desenvolver o Estatuto xurídico dos empregados e empregadas de saúde de Galiza, tal e como se contemplaba xa no artigo 109 da Lei 8/2008 de Saúde de Galiza.





















A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



