Barreiros, 10 de marzo de 2022. Ante as declaracións do exalcalde e membro do PP de Barreiros, Alfonso Fuente, nas que emite falsidades obxectivas sobre o goberno municipal e o proceso de indemnización de gastos xudiciais, o goberno municipal de Barreiros, aclara:
1.- Non existe ningunha sentenza condenatoria, nin sequera ningún proceso xudicial aberto ou pechado, a ningún dos membros do actual goberno. O único goberno de Barreiros no que os seus membros estiveron denunciados nominalmente, foi o presidido por Alfonso Fuente.
2.- Alfonso Fuente, no caso que tratamos, ostenta a representación de catro persoas membros do Partido Popular e, en concreto, de dous concelleiros en activo e membros da actual corporación. Esta representación consta no expediente mediante escritura de poder notarial.
3.- O goberno municipal non incumpre ningunha sentenza xudicial xa que non se nega ao pago dos gastos. O feito de acabar nun procedemento xudicial debeuse ás dúbidas razoables contidas nun informe xurídico sobre o propio dereito á indemnización e as contías solicitadas, por considerarse excesivas e non axustadas. Dito informe foi solicitado a proposta da propia secretaria municipal “Recoñecendo a complexidade do asunto e o elevado das contías reclamadas”.
4.- O plan de pagos proposto pola secretaría-intervención é un modo de efectuar os pagos habitual nas administracións locais xustificados por necesidades de tesourería e pola necesidade de garantir o resto de pagos necesarios para o funcionamento da administración local. Tanto é así, que este Concello ten asinado plans de pagos noutras ocasións con empresas que operan coa administración para poder satisfacer os seus custos, sen que en ningún caso existira ningún problema pola súa parte, conscientes da intención de cumprir coas obrigas e da necesidade de facelo de xeito que non se revente o funcionamento municipal.
5.- O plan de pagos foi aprobado en pleno cos votos a favor das dúas concelleiras do Partido Popular que podían participar na votación, xa que os outros dous concelleiros presentes non podían facelo ao ser parte interesada, representada por Alfonso Fuente. Aínda así, o actual portavoz do PP e afectado polo acordo, José Manuel Gómez Puente, foi o encargado de intervir nese punto manifestando a súa conformidade e animando o voto a favor do seu partido. O BNG e o PSOE abstivéronse na votación, estando exentos de responsabilidade na adopción do mesmo.
6.- No concello de Barreiros non consta o pago por parte do interesado das facturas reclamadas, razón pola que se lle ten reclamado dita acreditación por parte da intervención municipal antes de proceder ao pago.
Á vista do exposto e do sinxelo que é desmontar as mentiras emitidas por quen di non representar a ninguén, mais ostenta un poder notarial que o contradí, o goberno municipal de Barreiros , que representa a todas as veciñas e veciños do municipio, pídelle a Alfonso Fuente que deixe as mentiras das que sempre fixo bandeira e se adique a reclamar o que considere oportuno polas vías que requiran, sen tentar enlamar o campo da política municipal, á que se quere pode volver presentándose ás eleccións municipais.
A alcaldesa, en nome do executivo local, entende que “estes son os últimos coletazos desde o resentimento de persoas cuxo modus operandi xa se coñece ben en Barreiros e xa se lle deixou claro nas últimas eleccións, pero que non deben xustificar actitudes que o único que pretenden é, mediante o presunto dano a un goberno municipal, acabar coa recuperación que se iniciou deste Concello”.
Ana Ermida lembra que “no ano 2019, cando se reclama en vía administrativa este pago, a poucos meses da entrada deste goberno, tíñamos un concello cun orzamento esgotado e máis dun millón de euros en facturas aprobadas polo anterior goberno que deixou sen pagar e houbo que facerlles fronte. A isto súmase unha reclamación extremadamente elevada dunha cantidade que xerou dúbidas xurídicas serias e sobre o que constan informes no expediente.”
Ermida lembrou ademais que durante os mandatos de Alfonso Fuente os gastos xudiciais en Barreiros rondaron o millón de euros e no ano 2018 el mesmo aprobaba cobrar máis de 11.000 euros por outros procesos xudiciais nos que foi denunciado, cando se estaban deixando de pagar facturas e cando tiña reclamacións de gastos xurídicos de persoal municipal desde o ano 2013 sen pagar, o que demostra que o interese que sempre primou nesta persoa – e que foi avalada polo seu partido- foi o propio.
“Está claro que o que pretende o señor Fuente e o Partido Popular mentras non o desminta é utilizar as poucas ferramentas que lles quedan para tratar de colapsar este concello que, despois de anos nos que a súa xestión o deixou arruinado, comeza a erguer cabeza e a amosar claros signos de avance”, manifesta a rexedora.
A alcaldesa pídelle claridade ao Partido Popular e “se é certo que non comparte as posturas radicalizadas do seu afiliado que se posicione con contundencia e clareza, defendendo as concelleiras que deron a cara co seu voto e aos actuais membros da corporación do seu partido. Salvo que exista unha loita intestina de poder na que se pretende utilizar o concello como campo de batalla e que desde o goberno municipal non imos consentir”.
Sobre outras cuestións vertidas no comunicado do señor Fuente, a rexedora negouse a entrar “porque nas lameiras só se moven ben determinados seres. As actuacións de cada quen nas nosas vidas defínennos como persoas”, sentenzou.






















No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
O vendedor da ONCE Daniel José López Legaspi foi quen levou a sorte ao municipio desde o seu posto de venda situado na Praza Maior.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



