Lugo, 22 de abril de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este venres a segunda edición do programa Actívate, unha iniciativa a través da que a institución provincial ofrecerá en 26 concellos da provincia durante as fins de semana de abril a xullo actividades gratuítas para todos os públicos vencelladas ao turismo deportivo e de aventura, como sendeirismo, surf, piragüismo, kaiak, vela, trekking, escalada ou equitación.
O mandatario provincial estivo acompañado durante o acto, celebrado no entorno do río Rato, pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e por alcaldes e alcaldesas de municipios que acollerán estas actividades.
“Esta iniciativa tivo unha gran acollida o ano pasado, na súa primeira edición, durante a que se acabaron as prazas rapidamente”, explicou o Presidente, e “estes bos resultados leváronnos a tomar a decisión de repetir o programa, pero, neste caso, máis amplo, porque pasamos de dous a tres meses de duración, e de organizalo en 18 concellos a facelo en 26”, explicou.
José Tomé Roca subliñou que a Deputación busca dous obxectivos importantes co programa Actívate. Por un lado, dixo, “seguir apoiando en colaboración cos concellos a actividade do sector turístico, a hostalería e o comercio, sectores que se están recuperando, pero que pasaron momentos moi difíciles pola pandemia”. Ao mesmo tempo, afirmou, “seguimos consolidando o modelo de turismo polo que se apostamos claramente. Un modelo de turismo sostible, de calidade e con capacidade para atraer xente durante todo o ano”, explicou. “Un turismo de experiencias que pon en valor o rico e diverso patrimonio natural e cultural co que contamos na nosa provincia e que, deste xeito, aporta valor ao territorio, e axuda a manter e a xerar emprego, sobre todo no medio rural”, afirmou.
26 propostas en 26 concellos
A programación inclúe 26 actividades que se desenvolverán noutros tantos concellos de toda a provincia. Son todas propostas ao aire libre, en plena natureza, como por exemplo, sendeirismo, surf, piragüismo, kaiak, vela, trekking, escalada ou equitación. “Estas son só algunhas das alternativas, pero haberá moitas máis, que servirán para desfrutar do noso mar, da montaña, dos nosos sendeiros, dos monumentos e dos ríos dun xeito diferente”, subliñou o Presidente.
As persoas interesadas en participar nas dúas primeiras actividades, que terán lugar o 30 de abril e o 1 de maio, poden inscribirse dende hoxe mesmo na páxina web http://inscricions.deputacionlugo.org. Para máis información, poden enviar un correo electrónico a activate@deputacionlugo.org ou chamar ao teléfono 982.26.02.35. As inscricións ás seguintes actividades abriranse progresivamente todos os venres, cunha semana de antelación, ata completar o calendario.
Preto de 450 prazas
Cada unha das actividades ten unha capacidade limitada, pero a maioría será para entre 15 e 20 persoas. Polo tanto, no total do programa ofertaranse preto de 450 prazas. As actividades están pensadas para todo tipo de público, familias e xuventude. Para cada actividade en concreto especificarase cales son os requisitos mínimos en función da dificultade, idade máis axeitada ou indumentaria para poder sacar o máximo proveito a cada unha das propostas. En todas e cada unha das actividades haberá un guía ou monitor especializado encargado de dirixir e coordinar o grupo.
Actívate súmase a outras iniciativas que ten en marcha a Deputación de Lugo cos mesmos obxectivos de apoiar ó tecido produtivo vinculado ao turismo, á hostalería e ao comercio, e, ao mesmo tempo, favorecer un turismo de calidade e sostible. Detallou Tomé Roca que é o caso do programa Coñece a túa Provincia, do que se beneficiarán unhas 3.000 persoas de 135 asociacións entre esta primavera e o outono; ou tamén o programa Saborea a túa Provincia, “unhas xornadas de lecer e gastronómicas que estamos preparando para o mes de agosto”, avanzou na presentación de Actívate.
O programa
As actividades levaranse a cabo os sábados e domingos dos meses de maio, xuño e xullo.
ABRIL
– 30 de abril: Sendeirismo, en Ribas de Sil
MAIO
1 de maio: Sendeirismo e espeleoloxía, na Pontenova
7 de maio: Iniciación á escalada, en Baleira
8 de maio: Agroturismo e introdución á apicultura, en Láncara
14 de maio: BTT, en Guitiriz
15 de maio: Tiro con arco, na Fonsagrada
21 de maio: Iniciación á equitación, en Taboada
22 de maio: Orientación, en Navia de Suarna
28 de maio: Baños de Fragas, en Cervantes
29 de maio: Iniciación ao paintball, na Pastoriza
XUÑO:
4 de xuño: Cicloturismo histórico, en Castroverde
5 de xuño: Xogos tradicionais, en Abadín
18 de xuño: Snorkel, en Ribadeo
19 de xuño: Camiñata, en Xermade
25 de xuño: Iniciación á vela lixeira, en Foz
26 de xuño: Sendeirismo de montaña e xeoloxía, en Antas de Ulla
XULLO:
2 de xullo: Sendeirismo e botánica, en Portomarín
3 de xullo: Paseos micolóxicas, en Pedrafita do Cebreiro
9 de xullo: Piragüismo, en Lugo
10 de xullo: Camiñata gastronómica, en Lourenzá
16 de xullo: Surf, en Barreiros
17 de xullo: Kaiak de mar, en Burela
23 de xullo: Raid de aventura, en Viveiro
24 de xullo: Trekking, en Monforte de Lemos
30 de xullo: Clase dirixida combinada, en Ourol
31 de xullo: Kaiak de río, en Cospeito e Outeiro de Rei


















Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.
O 14 inaugúrase o Rincón da Poesía, con música de gaitas e concerto de Xuaco Amieva, ademais da presentación de Viaxe a Dacondo I. O 21 terá lugar un recital poético-musical na Casa de Cultura, con música en directo, participación de autores locais, presentación do libro Tu voz en mi voz e homenaxe a Luis Pérez del Súcaro.
Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.



