Ribadeo, 8 de abril, 2022. Estes tempos tan difíciles polos que estamos a atravesar poñen de manifesto moitas carencias, pero especialmente a dun goberno que mire polo país e que non estea pendente de se facer con postos en Madrid e deixe ao pairo a vida cotián de milleiros de galegas e galegos. Feijóo botou case un mes de xira polo mundo adiante, e agora aínda se vai tomar outro mes, ou máis se lle fixer falta, para deixar o cargo e que outros lle dean o relevo.
Botamos ben en falta que o goberno galego tome a iniciativa. Nós, o BNG, desde a responsabilidade que nos deu a cidadanía, seguimos cumprindo co noso compromiso propoñendo alternativas e denunciando o desleixo do señor Feijóo con Galiza.
Hai uns días, o noso deputado, Daniel Castro García, xunto con Xosé Luis Rivas, “Mini”, estiveron en Remourelle dando unha charla para dar a coñecer, de primeira man, as nosas propostas para o sector lácteo. Ben sabemos que o sector agrogandeiro galego está a pasar polo seu peor momento en décadas. Padece problemas estruturais que a crise de prezos aínda veu a agudizar máis. Se o señor Feijóo e o PP de Galicia tiveran vontade e valentía ofrecerían alternativas a este sector estratéxico da economía galega e que resulta vital para poder manter poboación nas nosas aldeas e pequenas vilas. O BNG urxe un cambio de rumbo nas políticas do Goberno do PP para superarmos a decadencia do rural.
A nosa portavoz nacional, Ana Pontón propuxo ás principais organizacións agrarias unha serie de medidas para actuar no curto prazo e longo prazo. De xeito inmediato propoñemos facilitar liquidez ás explotacións gandeiras. Para iso, a líder do Bloque formula tres medidas concretas: gasóleo libre de impostos, -como ten o sector pesqueiro-; moratoria de dous anos nos préstamos e condonación das cotas á Seguridade Social durante un ano aos produtores e produtoras, tanto por conta propia coma por conta allea.
Outra das medidas a curto prazo sería unha tarifa eléctrica galega, que nos permitiría reducir a factura da luz; tamén reclamamos, tanto ao goberno central como a Bruxelas, unha aplicación flexible da PAC. Deste xeito, nesta campaña poderíanse sementar terras que están a barbeito para paliar a escaseza de cereais: mentres o sector se ve obrigado a importar toneladas de cereais, Galiza ten 200.000 has. abandonadas que, así o vemos desde o BNG, débense recuperar como superficie agraria útil.
A medio prazo, o BNG propón medidas de tipo máis estrutural, que supoñerían un cambio de rumbo na política do Goberno do PP, que non fixo máis que afondar na crise do rural. Propoñemos recuperar para uso agrogandeiro as terras forestadas ilegalmente; debemos retomar o cultivo das áreas tradicionais de cereal e desvincular as axudas da PAC da superficie, vinculándoas coa produción. Os fondos Next Generation deben ser destinados tamén ao sector agrogandeiro. Hai que fomentar a venda dos produtos de proximidade, tanto nos dos mercados tradicionais como coas novas ferramentas dixitais (por exemplo, as plataformas de comercio online).
A mobilización de terra agrícola abandonada permitiría aumentar a base de cultivo de forraxes das explotacións gandeiras. Pero aínda resoa a campaña suxa do PP contra o goberno bipartito cando ameazaba á xente coa vella teima de que lles ían roubar as terras. O que en realidade supón un roubo, a mans cheas, son os prezos da luz; mans cheas que aloumiñan ao señor Feijóo para que os siga a representar como presidente da Xunta, no canto de traballar polo pobo galego, polos homes e mulleres que día a día loitan por saír adiante, mentres que o presidente da Xunta, agora cunha comitiva máis ampla, anda por aí adiante atendendo os asuntos internos do PP, no canto de cumpriren os compromisos que asumiron co país.
Daniel Castro García e Xosé Luis Rivas, “Mini”, foron explicando estes puntos un por un na reunión mantida con gandeiros e gandeiras en Remourelle. Ben puxeron de manifesto que canto menos dependamos de insumos esóxenos (expostos aos vaivéns da situación internacional e ao afán especulador) mellor lle iría ao agro galego; canto máis traballemos as nosas terras, mellor lle irá ás nosas aldeas e mellor coidado estará o campo, no canto de se ver abandonado e sen vida. Canto máis aposte a Xunta por cumprir o seu papel de intermediaria (promovendo un Foro de encontro no que estean representados todos os elos da cadea de produción e obtención do leite e derivados) mellor lle irá ao agro galego. Canto máis estea o goberno da Xunta a facer que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria, máis difícil lle será ao goberno central mirar cara a outro lado e permitir o incumprimento de dita lei. Canto máis aposte por impulsar a compra pública de pensos para garantir a subministración mellor poderá poñer freo á venda a perdas. Cantas máis axudas impulse para paliar o incremento dos custes de produción (singularmente da enerxía e dos combustíbeis) mellor poderemos superar esta situación tan delicada. En todo isto inciden as medidas presentadas por Xosé Luis Rivas, “Mini”, e Daniel Castro García para o agro ribadense, da Mariña luguesa; de toda Galiza.




















Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
Solicítase á veciñanza que retire os vehículos estacionados nesta zona durante a mañá do martes, co fin de facilitar o desenvolvemento dos traballos. A Policía Local colocou o luns a sinalización informativa correspondente. Durante as actuacións poderán producirse cortes puntuais de circulación, procurando facilitar o acceso aos garaxes da zona. A duración dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas e da súa evolución. O Concello de Viveiro agradece a colaboración da veciñanza e desculpa as molestias que se poidan ocasionar.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.



