As participantes recibirán formación, acompañamento e asesoramento de maneira gratuíta, tanto para mellorar os negocios que están en marcha, como para favorecer o éxito e viabilidade das iniciativas emprendedoras
Lugo, 24 de maio de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, Jose Tomé Roca, presentou este martes na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos o programa Feminino Rural. Donas do Rural. Donas de Si, unha nova iniciativa que dará apoio, formación e asesoramento de maneira gratuíta a mulleres empresarias e emprendedoras do rural para que melloren o seu negocio ou poidan poñer en marcha con garantías a súa idea emprendedora.
José Tomé anunciou que a institución provincial financia este proxecto integramente cunha achega económica de 40.000€ a través dun convenio de colaboración que asinará nos vindeiros días coa Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU), a entidade que desenvolverá as distintas accións.
O mandatario provincial presentou a iniciativa xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a presidenta de AELU, Beatriz Varela, un acto no que subliñou que se trata dunha nova medida “que impulsamos dende a Deputación de Lugo para seguir apoiando e fortalecendo o tecido produtivo da provincia, neste caso, os proxectos empresariais e emprendedores liderados por mulleres no rural”.
O Presidente detallou que é “un programa no que as participantes recibirán formación, acompañamento e asesoramento de maneira gratuíta, tanto para mellorar os negocios que están en marcha, como para favorecer o éxito e viabilidade das iniciativas emprendedoras”.
Nas súas palabras lembrou que, precisamente, na V Conferencia de Presidencias de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares de toda España que se celebrou en Valencia recentemente e na que participou, expuxo nunha mesa de traballo sobre reto demográfico que “a creación de emprego, sobre todo xuvenil e feminino, ademais dos servizos públicos e a mobilidade, son elementos fundamentais para fixar poboación, porque está claro que, se non hai mulleres, o rural non ten futuro”. Neste sentido, dixo, a Deputación quere avanzar con este programa “para a promoción económica da provincia, con perspectiva de xénero e demográfica”.
Por comarcas
Co obxectivo de chegar ao maior número de mulleres posible e facilitar a súa participación, todas as accións do proxecto faranse de maneira deslocalizada, nas comarcas da Mariña, Lugo, A Ulloa, Terra Chá, Sarria, A Montaña e a Ribeira Sacra.
O programa Feminino Rural. Donas do Rural. Donas de si arrancará nas vindeiras semanas e prolongarase ata finais de ano. Nunha primeira fase, organizaranse almorzos de traballo conxunto nos que participarán 175 mulleres nas 7 comarcas. En cada comarca habilitaranse 25 prazas co obxectivo de “crear sinerxías entre os establecementos de cada zona, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias entre empresarias e emprendedoras que beneficien ós proxectos individuais de cada unha”, detallou Tomé Roca.
Despois, haberá unha segunda fase onde participe unha selección de 5 empresarias e emprendedoras por comarca que sairán das reunións de traballo. Polo tanto, un total de 35 persoas recibirán unha formación e un asesoramento personalizados, que irán dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrancar a empresa no caso das emprendedoras participantes.
Unha institución comprometida co emprego
O Presidente da Deputación de Lugo amosouse satisfeito de impulsar dende a institución esta iniciativa, que se suma a outras que están en marcha, tanto de maneira directa como en colaboración co tecido asociativo da provincia, co obxectivo de apoiar e fortalecer o tecido produtivo e de crear emprego, sobre todo no rural. Referiuse, entre outros, ao programa de asesoramento gratuíto para 400 pemes e autónomos da provincia en materia de dixitalización ou dos programas de formación e emprego para a mocidade e persoas desempregadas de longa duración.


















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



