Ribadeo, 5 de maio de 2022. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, puxo hoxe a Ribadeo como exemplo de como o Plan de Recuperación do Goberno está a deixar pegada nas vilas de Galicia, e tamén da colaboración institucional na execución destes fondos. Neste caso, coa mellora e rehabilitación do CEIP Gregorio Sanz, de competencia autonómica, que se está a executar cun investimento de 830.585 euros do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. “Este é un exemplo de que o Plan de Recuperación transforma os pequenos concellos, atende os servizos públicos e neste caso aposta pola calidade no ensino. Chega ás escolas, ás rúas e ata a porta de cada veciño”, sinalou.
Acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o delegado desprazouse ata a capital do concello onde visitou este centro educativo co alcalde, Fernando Suárez. Neste caso, as obras teñen un dobre obxectivo: lograr instalacións máis eficientes e respectuosas co medio ambiente; e mellora a calidade do ensino, adaptando os espazos escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas de cara á vindeira década.
A mellora do CEIP Gregorio Sanz forma parte do Programa de Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) impulsado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda urbana para a rehabilitación sostible do parque público institucional. Este programa contempla o acordo coas comunidades para financiar rehabilitacións de edificios de competencia autonómica. No caso de Galicia, o Ministerio de Transportes acordou coa Xunta a rehabilitación de 26 equipamentos autonómicos nas catro provincias. Por este acordo, a Xunta recibiu 27,3 millóns de euros do Goberno cos que xa está afrontando estas melloras, como no caso de Ribadeo.
O delegado do Goberno destacou que 21 destas actuacións se desenvolverán en centros educativos de 16 concellos galegos, con case 20 millóns de euros de fondos estatais. En concreto, a provincia de Lugo mellorará 3 centros educativos: o CEIP de Ribadeo, o IES María Sarmiento de Viveiro e o Colexio de Portomarín, cunha achega conxunta do Ministerio de 2,25 millóns de euros.
Outros investimentos no Concello de Ribadeo
O delegado do Goberno repasou co alcalde de Ribadeo o estado doutros investimentos estatais no concello da Mariña, nos que conta coa colaboración do Goberno Local. Entre eles, o obradoiro dual de emprego “Ribadeo prepara o teu Camiño”, que permitirá que 20 mozos e mozas acaden unha certificación profesional que lles permita acceder a un emprego cualificado.
O Goberno tamén colabora no desenvolvemento dun turismo sostible na comarca da Mariña. O Ministerio de Industria cofinancia coa Mancomunidade de Municipios da Mariña, de que forma parte Ribadeo, o Plan de Sostibilidade Turística desta comarca, que se desenvolverá ata o ano 2024 mobilizando 3 millóns de euros de fondos públicos.
Con respecto ás infraestruturas, o delegado avanzou ao alcalde as novidades respecto da liña de ancho métrico. En concreto, o Adif avanza para licitar proximamente a obra de supresión do bloqueo telefónico no tramo Ortigueira-Ribadeo, que suporá un investimento global de 30 millóns de euros para a automatización e mellora da seguridade deste tramo. En paralelo, Adif está xa redactando o proxecto de mellora das infraestruturas asociadas, “e neste proxecto xa se contempla o novo apeadoiro na Praia das Catedrais”, co que o Goberno atenderá unha das demandas máis reiteradas desta comarca.
A estas iniciativas do Goberno tamén se sumará a extensión da banda ancha de internet co Plan Único-Banda Ancha, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. José Miñones indicou que a convocatoria que xa está en marcha inclúe a Ribadeo, onde executará 327 proxectos para levar a banda ancha de última xeración ata máis de 1.000 vivendas e empresas do Concello.



















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



