Así o manifesta o voceiro popular, Manuel Rouco, tralas declaracións do señor Llano en relación á desmantelamento da Carmela
Burela, 29 de xuño de 2022. “Os veciños de Burela non lle pagamos ao alcalde para mentir, senón para xestionar da mellor forma posible os asuntos que afectan ao noso Concello”. Así o manifesta o voceiro popular, Manuel Rouco, tralas declaracións do señor Llano en relación á desmantelamento da Carmela.
O popular aclara que “o alcalde e o seu goberno coñecía a situación da lancha dende, polo menos, fai dous anos cando o Grupo Municipal Popular levou ao pleno esta advertencia e, ao mesmo tempo, unha alternativa que permitise darlle outro uso á embarcación como monumento nalgún espazo público de Burela”. Polo tanto, “o alcalde tivo tempo para tomar unha decisión encamiña a conservar en Burela unha parte da súa historia e unha embarcación moi importante para moitos veciños. Pero mirou para o outro lado, algo que é habitual no seu proceder”.
Rouco explica tamén que “Portos de Galicia trasladou a necesidade de retirar a Carmela do porto por cuestións de seguridade, como xa ten explicado. Foi a Cruz Vermella -a titular da embarcación- a que decidiu desmantelar a Carmela ao tratarse da opción menos custosa ao ter en conta que o Concello de Burela non colaborou para salvala como si fixeron outros numerosos concellos da costa”.
Os populares de Burela lamentan que “o alcalde trate de culpar da situación da embarcación aos veciños que realizan de forma altruísta as labores de conservación e que, durante anos, mantiveron a Carmela no mellor estado de conservación posible”.
O voceiro do PP local incide en que “estas declaracións son unha mostra do seu proceder habitual: non fai nada e culpa aos demais ante a súa falta de decisións”.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.


