José Tomé Roca visitou a estrada que conecta San Cosme co Cruce da Insua, arranxada grazas á institución provincial, e tamén a vía que descorre paralela á N-634 e chega á capitalidade municipal, onde se acometeron traballos valorados en 150.000€
Lugo, 23 de xuño de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este xoves diferentes obras acometidas con fondos provinciais en Barreiros, un concello no que a institución leva investidos máis de 2M€ no que vai de mandato, entre o Plan Único, acordos de colaboración e acondicionamento de entradas, entre outras liñas de actuación.
En concreto, o mandatario provincial visitou a estrada que conecta San Cosme de Barreiros co Cruce da Insua, a antiga LU-P-0608, e outra vía de titularidade municipal que conecta con esta, descorre paralela á N-634 e chega á capitalidade municipal. José Tomé tamén asinou no Libro de Honra, recibiu a insignia do Concello e visitou as instalacións da casa consistorial, onde coñeceu aos traballadores e traballadoras municipais.
O Presidente estivo acompañado pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, pola Alcaldesa de Barreiros, Ana Belén Ermida, e pola Tenente de Alcaldesa, Carmen Veiga, así como por outros concelleiros e concelleiras.
Por unha banda, o mandatario provincial supervisou a estrada de San Cosme ao Cruce da Insua, a antiga LU-P-0608, unha vía que é agora de titularidade municipal e que foi acondicionada recentemente grazas a unha achega da Deputación de 35.000€.
Trátase dunha estrada importante para a veciñanza porque comunica o centro de San Cosme con diferentes puntos de interese, como o cuartel da Garda Civil, a igrexa, o punto limpo ou a capela de Santo Estevo. Entre os traballos realizados, acometeuse a reapertura de cunetas, a reposición do firme con aglomerado e a sinalización no primeiro quilómetro da estrada.
Por outra banda, o Presidente coñeceu o resultado das actuacións de acondicionamento doutra estrada municipal que se fixeron con medios do Parque Móbil da Deputación, valoradas, segundo os prezos de mercado, en 150.000€. Trátase dunha vía que conecta coa antiga LU-P-0608, que descorre paralela á N-634 e baixa ata San Cosme.
Melloras en tres estradas máis
Así mesmo, a Deputación ten a día de hoxe en fase de contratación obras por un importe conxunto de 125.000€ para a mellora doutras tres estradas provinciais ao seu paso por Barreiros. Trátase da LU-P-0605 e a LU-P-0606, que parten as dúas da Nacional 634 e que conectan coa Casa de Otero e con Pedregás, respectivamente. A terceira vía que mellorará a institución provincial e a LU-P-0607, que vai de Benquerencia ata a praia de Fontela, unha estrada moi empregada pola veciñanza porque conecta a Nacional 634 coa LU-P-0610, acondicionada pola propia Deputación en dúas fases que sumaron un investimento superior aos 200.000€.
Cooperación cos concellos
O Presidente enmarcou estas actuacións na “cooperación continua que mantemos co Concello de Barreiros e con todos os municipios da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños”. Subliñou que a Deputación destinou un investimento de máis de 2M€ a Barreiros só no que vai de mandato, e “vamos a seguir nesta liña de colaboración”.
Ademais do Plan Único e dos diferentes proxectos destinados a mellorar a mobilidade no municipio, a Deputación de Lugo asinou nos últimos anos dous convenios de colaboración con este municipio mariñán. Un para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) dotado con 20.000€ e que serviu para a adquisición de material ortoprotésico e novo equipamento informático e outro por importe de 25.000€ para adquirir ordenadores, programas ofimáticos e antivirus para o Concello, destinados a facilitar o labor dos traballadores e traballadoras municipais.























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



