Foz, 11 de xullo, 2022. O pasado sábado 9 de xullo levouse a cabo a actividade programada por Mariña Patrimonio e o Concello de Foz sobre a minaría de ouro romana. Como estaba previsto, realizouse en xornada partida. Pola mañá, o arqueólogo e guía de montaña, Iván Álvarez Merayo, impartiu a conferencia “A minaría aurífera romana” na Casa da Cultura de Foz e á que asistiron unhas 45 persoas. A exposición, moi ben ilustrada e de gran valor didáctico, permitiunos comprender o proceso de extracción do ouro, tanto na etapa prerromana, durante os dous últimos milenios anteriores á era cristiá – que se realizaba bateando as areas dos ríos- como, e sobre todo, a explotación industrial masiva e sistemática acometida polos romanos en todo o noroeste da Península e que chegou a proporcionar o 7% da produción de ouro do Imperio.
Merayo explicou detalladamente o proceso de extracción do ouro, tanto nos xacementos primarios como nos secundarios, como é o caso da mina da Espiñeira, un dos complexos mineiros máis extensos do noroeste, que abrangue as dúas beiras do río Masma, repartida entre os concellos de Barreiros e Foz.
Na xornada de tarde participou un numeroso grupo de persoas, arredor de 60, convocadas no Campo da Feira da Espiñeira para percorrer unha das zonas da mina que recentemente quedaron á vista, grazas á corta dunha parte do eucaliptal que cobre toda a mina actualmente. Merayo guiou ao grupo explicando in situ como se realizaba o lento proceso de erosión artificial da enorme masa de sedimentos que o río Masma acumulou ao longo de millóns de anos. Esta erosión realizábase mediante correntes de auga, que se lanzaban desde depósitos ubicados na zona máis elevada do lugar. Previamente, os depósitos enchíanse mediante múltiples canles, que traían auga por gravidade desde diferentes captacións do territorio.
A auga corrente arrastraba os materiais sedimentarios de diferentes grosores, que conteñen unha ínfima proporción do prezado ouro en partículas similares a finas areas. Estes eran conducidos mediante un gran entramado de canalizacións cara ás zonas máis baixas que rodean a mina, onde se decantaban as partículas auríferas polo seu maior peso. Estas partículas mesturábanse con mercurio, logo aplicábaselle calor e, finalmente, quedaba o prezado metal.
A zona visitada conserva a complexa topografía de canles e acumulacións de cantos rodados (murias), que os mineiros apartaban e acumulaban para facilitar a circulación dos sedimentos máis finos nos que viaxaban as partículas auríferas.
Cremos que a actividade desenvolvida este sábado permite dar a coñecer este xacemento importantísimo, tanto en dimensión como en valor histórico. Un xacemento que xa fora citado polo enxeñeiro alemán, Schulz, en 1835 e redescuberto por Mariña Patrimonio en 2013, o que permitiu a súa inclusión no Catálogo de xacementos arqueolóxicos de Galicia, feito fundamental para a súa protección. Lamentablemente, só é posible apreciar esta enorme mina cando se produce unha corta coma a que nesta ocasión nos permitiu realizar a actividade.
Por último, agradecemos ao Concello de Foz pola súa activa colaboración na organización da actividade e por ter posto á nosa disposición todos os medios necesarios para a realización da mesma. Así mesmo, agradecemos ao ponente e guía, Iván Álvarez Merayo, o seu entusiasmo e bo labor divulgativo.






















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



