O obxectivo é desenvolver un proxecto de recuperación, consolidación e posta en valor deste ben patrimonial, datado no seculo XIV
Lugo, 27 de xullo de 2022. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo dá un paso adiante na protección da Torre de Caldaloba, na parroquia de Pino, en Cospeito, coa adquisición dunha das parcelas nas que se ubica a construción, datada no século XIV e considerada Ben de Interese Cultural desde 1994.
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, explicou este mediodía nun encontro con representantes culturais a carón da Torre que “tras varios meses de xestións para esclarecer a propiedade dos terreos e de conversas coas persoas titulares, este venres levaremos á Xunta de Goberno a proposta de compra da parcela na que se sitúa a parte mellor conservada da torre e do sistema de fosos e contrafosos defensivos que a rodean, así como o acceso principal”
Maite Ferreiro destacou que por primeira vez unha administración dá un paso firme na protección da Torre da Caldaloba, avanzando na súa incorporación ao patrimonio público co obxectivo de desenvolver un proxecto de recuperación e posta en valor desta construción de grande interese histórico e simbólico para Galiza.
Segundo o levantamento topográfico realizado para a adquisición, a parcela mercada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo conta cunha superficie de 19.596 metros cadrados e inclúe a metade da Torre -53 metros cadrados de planta- e o sistema de fosos e contrafosos defensivos escavados no perímetro da edificación. Tamén un pozo artesán de 5 a 7 metros de profundidade e o acceso principal: un camiño rural, pertencente a unha rede de camiños nunha zona de concentración parcelaria, de 160 m de lonxitude, cun tramo duns 2,50 metros de ancho.
A responsable provincial lembrou que expertos en patrimonio e colectivos culturais levan anos advertindo do deterioro da estrutura e reclamando a titularidade pública da edificación sen ningunha resposta por parte da Xunta de Galiza, á que corresponde a protección do patrimonio. “Actuamos para evitar que a estrutura sufra danos irreversibles, ante o desleixo de maís de vinte anos por parte da Xunta de Galiza, que se limita a facer anuncios sen concreción ningunha mentras o deterioro da Torre avanza”
Maite Ferreiro avanzou que “a intención da Vicepresidencia da Deputación é acadar, en canto sexa posible, a propiedade da totalidade da Torre e da súa contorna de protección coa adquisición da parcela colindante”, concretando que “xa se ten feito algún contacto coa propiedade para acadar un acordo; de non ser posible estudaríanse outras vías de actuación”.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo subliñou “o traballo realizado polas asociacións patrimoniais e culturais para que este símbolo da nosa historia non caera no esquecemento e se estudase e divulgase” e fixo un chamamento á colaboración entre administracións para avanzar no proxecto de protección, consolidación, recuperación e posta en valor da Torre.
Características construtivas e historia de Caldaloba
A Torre de Caldaloba ou de Vilaxoán data do século XIV e forma parte dos restos da Torre da homenaxe dun antigo castelo de época medieval. O edificio foi inventariado coa denominación “Castelo de Caldaloba” e foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) por Decreto do 22/04/1994 coa tipoloxía de monumento. Segundo a descrición que figura na ficha de protección, que recolle datos de Manuel Vázquez Seijas, trátase dunha construción de de planta cadrada de aproximadamente 10,20 m de lado. As paredes de cachotería de lousa, con algún bloque de cuarzo, teñen un grosor de 2,65 metros e unha altura aproximada de 25 m.
Entre os anos 1998 e 2000 a Xunta de Galiza fixo unha consolidación parcial, pero na actualidade xa conta con numerosas e importantes fendas e con perigo de derrube. Dende a derradeira intervención, ningunha administración realizou ningunha acción na Torre a pesar das incesantes demandas de colectivos culturais e da propia Vicepresidencia da Deputación de Lugo, limitándose tan só a rozar nalgunha ocasión parte do entorno; por outra banda están a proliferar as plantacións de especies como o eucalyptus nitens sen ningún tipo de control en zonas consideradas de especial protección do BIC.
Como feito mais salientable da súa historia, a Torre é situadacomo escenario no que a filla do decapitado Mariscal Pardo de Cela, Dª Constanza de Castro, e o seu consorte Fernán de Ares resistiron preto dun ano o asedio do Gobernador dos Reis Católicos, Diego López de Haro. Desde finais do século XV ata mediados do XIX permanece o castelo baixo diferentes xeracións de vizcondes de Altamira e posteriormente condes de Fuensaldaña. A construcción foi atacada e danada polos Irmandiños. Estudos avalan que xa en 1775 os propietarios venderon pedras dos seus escombros. A revista Suevia publica en 1916 a fotografía máis antiga da fortificación, na que se aprecia que soamente se conserva a torre da homenaxe.
Divulgación da historia de Caldaloba
Ademais de reclamar no ámbito político e institucional a recuperación da Torre á Xunta de Galicia , a Vicepresidencia da Deputación de Lugo ven acompañando diferentes accións de divulgación da historia da Torre de Caldaloba que levan a cabo asociacións e colectivos culturais chairegos, entre elas a xuntanza de representantes de dezanove asociacións da comarca chairega que en maio de 2021 se xuntaron a carón da torre para reivindicaren a restauración e protección da torre e do seu contorno, baixo o lema “Recuperarmos o noso patrimonio. Recuperarmos a súa historia”. Nese marco, a Vicepresidencia da Deputación editou o caderno divulgativo “Loita, resistencia e morte. Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán” do estudoso do Mariscal Pardo de Cela Antón Xosé Meilán García (Mondoñedo, 1950), que documenta a resistencia de Dona Constanza de Castro ao asedio dos Reis Católicos na torre, afondando no carácter simbólico que a fortaleza ten para Galiza.





















A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Conta con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibirán as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolle a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destaca a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Estímase que ata o domingo se acheguen a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
O horario será o seguinte: Martes, 20 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas. Mércores, 21 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas. As persoas interesadas poden solicitar cita previa a través do teléfono 981 92 80 80 ou da páxina web
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



