Os concellos de Pantón, Chantada, Taboada, Trabada, O Valadouro, Vilalba, A Fonsagrada, Navia de Suarna e Pol acollerán as fins de semana dende o vindeiro sábado ata o 2 de setembro estas xornadas gastronómicas e de lecer gratuítas que impulsa a Deputación de Lugo
Lugo, 28 de xullo de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este xoves a posta en marcha da segunda edición do programa provincial Saborea a túa provincia, que percorrerá nove concellos da provincia durante as fins de semana ata o 2 de setembro. Pantón acollerá este sábado, 30 de xullo, a primeira parada destas xornadas gastronómicas e de lecer que promove a institución, unha cita gratuíta que tamén pasará polos concellos de Chantada, este domingo 31 de xullo, e Taboada, Trabada, O Valadouro, Vilalba, A Fonsagrada e Navia de Suarna ao longo do mes de agosto. Será o concello de Pol o que peche o programa o venres 2 de setembro.
Os xardíns do Pazo de San Marcos acolleron esta presentación, na que tamén estiveron presentes os alcaldes e alcaldesas dalgúns dos concellos participantes. José Tomé lembrou que co Saborea a túa provincia, a Deputación busca “incentivar o consumo dos produtos de proximidade e dinamizar a economía dos concellos fomentando a actividade do turismo, da hostalería, do comercio e dos pequenos produtores”.
Segundo explicou o Presidente este programa “forma parte da ampla estratexia que estamos desenvolvendo dende a Deputación de Lugo para consolidar un modelo de turismo de calidade e sostible, un turismo de experiencias, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que pon en valor o noso patrimonio, tanto natural, como, monumental, cultural ou gastronómico, e que contribúe a crear riqueza e a crear emprego, sobre todo no noso rural.”
“O éxito da primeira temporada do Saborea a túa Provincia levounos a reeditalo este ano, pero con novidades para tratar de melloralo e, desta forma, aumentar o retorno económico para os negocios da zona. Para isto introducimos melloras na estrutura e no funcionamento das xornadas e tamén melloramos as localizacións, xa que este ano celebrarase en lugares que contan cunha importante actividade social, hostaleira e comercial”, sinalou Tomé Roca.
Outra das novidades é o cambio no formato, condensando as actividades nas franxas horarias nas que hai máis movemento social e económico teñen as vilas, en horario de mañá, de 12.30 a 15:00 horas, ou de tarde, entre as 19.30 e as 22.00h, dependendo do concello. Tomé Roca explicou que “con esta serie de melloras, e tendo en conta ademais que este ano, afortunadamente, non hai restricións sanitarias nin de aforo, conseguimos un programa máis atractivo, máis dinámico e con máis repercusión nos negocios da zona“.
Un programa con catro espazos diferenciados
Cada unha das xornadas do Saborea a túa provincia terá catro espazos diferenciados:
Un autobús-cociña onde profesionais da asociación provincial de cociñeiros e cociñeiras de Lugo elaborarán receitas con produtos típicos de cada zona. Utilizarán alimentos con distinción da súa calidade polo selo Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida, como a Faba de Lourenzá, a Pataca Galega, o Pemento de Mougán, o Lacón, a Tarta de Santiago, o Mel de Galicia ou o queixo San Simón da Costa; e tamén empregarán nas súas elaboracións razas autóctonas como o Porco Celta, a Galiña de Mos ou o Vacún Galego. Estas demostracións culinarias poderán seguirse nunha pantalla xigante e poderán participar un máximo de 50 persoas.
Degustación de pratos elaborados con produtos de proximidade. Nesta actividade poderán participar ata 100 persoas.
Haberá un taller de cociña para nenos e nenas nas que elaborarán un prato con produtos da provincia.
Outro espazo estará dedicado a concertos.
Ademais, ao longo da xornada levaranse a cabo sorteos de produtos gastronómicos da provincia.
9 xornadas para degustar a provincia
O programa Saborea a túa provincia terá lugar en horario de mañá -de 12.30 a 15.00 horas- ou de tarde -entre as 19.30 e as 22.00 horas- e os cociñeiros e cociñeiras utilizarán para as súas elaboracións os produtos de proximidade máis característicos de cada concello.
Pantón. No Campo da Feira. Terá lugar o sábado 30 de xullo en horario de tarde e poderase degustar unha tapa de Roast Beef de vaca galega con tomate seco, castañas e queixo da Ribeira Sacra, que elaborará Martín Mantilla, de Berso.
Chantada. Na Praza de Santa Ana. Celebrarase o domingo 31 de xullo, en horario de tarde. Poderanse degustar unhas Gyozas de cordeiro e queixo azul de Airas Moniz realizadas polo cociñeiro Bruno Pena.
Taboada. Na Praza de Riazón. Terá lugar o sábado 13 de agosto en horario de tarde. Poderase degustar Steak tartar de vaca cachena da gandería Cas Fidalgo con crocantes elaborada por Antonio Lorenzo, do restaurante A Faragulla.
Trabada. Na Praza do Concello. Celebrarase o domingo 14 de agosto en horario de mañá e poderase degustar Albóndega de merluza de Burela con faba IXP de Lourenzá en salsa de mel IXP Conde Santo, obra de Jesús Villarino, do Asador de Alba.
O Valadouro. Na Praza de Santa María. Terá lugar o sábado 20 de agosto en horario de mañá. Poderase degustar unha tapa de Faba, tenreira e mel elaborada por Nardo Eiroa, do Canedo Brasería.
Vilalba. Na Praza da Constitución. A cita terá lugar o domingo 21 de agosto en horario de mañá e poderase degustar un Dumpling de galo de Mos con espuma de queixo San Simón feito por Alejandro Ares, de Noa Boutique Hotel.
A Fonsagrada. Na Praza do Concello. Celebrarase o sábado 27 de agosto en horario de mañá. A receita, que elaborará o cociñeiro Bruno Pena será un Bocata de orella de porco en texturas con pan brioche.
Navia de Suarna. Praza da Pobra. Terá lugar o domingo 28 de agosto en horario de mañá. O cociñeiro Pablo Vila, de Oca Hoteles, realizará un Brownie de castañas, dulce de pera e cumio de noces
Pol. Na Praza de Galicia. O venres 2 de setembro. A última cita desta edición do Saborea a túa provincia terá lugar en horario de mañá e poderase degustar un Solomillo Hoisin elaborado por Mar Orosa, do restaurante El Oviedo.




















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



