“É unha pena que os responsables de política pesqueira da Unión Europea non estean hoxe aquí, porque Burela, e este proxecto Burela IN, son un exemplo do que hoxe representa o sector pesqueiro lucense e galego”, asegurou García Pernas, aludindo á decisión da CE de prohibir as artes de pesca de fondo en 87 caladoiros
Lugo, 27 de setembro de 2022. O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou este martes en Burela no acto de clausura do proxecto Burela In, que acolleu a Casa da Cultura. Unha iniciativa que impulsou o Concello para promover a economía circular mediante a colaboración de entidades de inclusión social, o sector pesqueiro e a Administración local durante dous anos.
García Pernas felicitou “ao Concello de Burela, co seu Alcalde á cabeza, e a todas as entidades e persoas que fixeron posible o proxecto Burela IN, pola súa capacidade para deseñar e para desenvolver con éxito unha medida coma esta. Penso que a aposta pola innovación e pola inclusión que definen o proxecto son tamén os sinais de identidade do bo traballo de xestión que se está desenvolvendo neste concello”, afirmou.
Nas súas palabras fixo fincapé en que o balance positivo dos resultados de Burela In cadren “coas malas noticias que estamos a recibir estes días pola decisión da Comisión Europea de pechar a pesca de fondo en 87 áreas, unha decisión rotundamente equivocada que afecta gravemente a esta comarca da Mariña e a toda Galicia”. Nese sentido, amosou o seu desacordo ante unha medida que cualificou como “errónea, que se toma sen base científica e sen ter en conta nin as necesidades medioambientais reais, nin o impacto socioeconómico”.
“É unha pena que os responsables de política pesqueira da Unión Europea non estean hoxe aquí, porque Burela, e este proxecto Burela IN, son un exemplo do que hoxe representa o sector pesqueiro lucense e galego”, manifestou. “Estamos falando dun sector económico fundamental, que xera riqueza e emprego nunha comarca que sofre o impacto da desindustrialización, pero tamén estamos falando dun modo de vida ligado ás nosas raíces, ás nosas tradicións e á nosa cultura”.
Apoio ao sector pesqueiro
O Deputado recalcou que o proxecto Burela IN demostra “que a pesca é unha actividade sostible, responsable e preocupada polo benestar medioambiental, e que a combinación de pesca e turismo xera valor engadido”.
Por iso, explicou que, “ante as decisións que toman os que miran o mar dende o afastamento dos despachos, é moi importante seguir traballando nesta liña e reivindicar todo o que fai a xente do mar aquí, a pé de costa”. “Por suposto, dende a Deputación de Lugo seguiremos apostando polo noso sector pesqueiro e seguiremos colaborando cos concellos en iniciativas como este Burela IN. Ademais, como xa fixemos no Pleno da Corporación provincial que celebramos esta mesma mañá, reclamámoslle ao Goberno que esgote todas as vías legais para reverter canto antes unha normativa europea que consideramos inxusta, e esperamos o mesmo compromiso por parte de todas as administracións”.
Xornada final
Nesta xornada final do proxecto Burela IN, as entidades participantes explicaron as accións postas en marcha nunha mesa redonda e proxectouse un vídeo-resumo. Para rematar, realizouse unha visita á exposición coordinada polo colectivo A Mariña Sen Plástico, e tamén á obra dos artistas locais Belén Mogo e Martín Lestao, situada na contorna do porto de Burela, dúas obras integradas en Burela IN.
Nestes dous anos realizáronse obradoiros, concursos, xornadas de pintura, e apostouse pola rehabilitación do muro da antiga conserveira e a creación dun mural. Tamén se promoveu unha mostra itinerante coordinada por A Mariña Sen Plástico. As entidades participantes foron Fundación Eu Son, Asociación Saúde Mental A Mariña, GALP A Mariña- Ortegal, Afan, A Mariña Sen Plástico, as Redeiras Cabo Burela, Neira Brochs, a Confraría de Pescadores, Fundación Expomar, e Asociación Tá en Artes, entre outras.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.


