As obras permitirán atallar as deficiencias no sistema e lograr os obxectivos de vertido de calidade na auga tratada, principalmente no verán, cando se incrementa a poboación
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022.-. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, avanza na redacción do proxecto para executar as obras dos colectores e da nova depuradora de Foz, que suporán un investimento autonómico de case 12 M€.
Esta mañá técnicos de Augas de Galicia e da empresa adxudicataria do contrato mantiveron unha reunión de traballo co Concello de Foz para abordar o proxecto construtivo, que xa está en redacción.
Ese proxecto definirá tecnicamente as obras necesarias para atallar as deficiencias no funcionamento do sistema de saneamento municipal de Foz, que non ten a capacidade necesaria para acadar os obxectivos de vertido de calidade na auga tratada, principalmente no verán, cando o municipio incrementa a súa poboación.
A actuación prevista permitirá triplicar a poboación servida e multiplicará por 9 a capacidade de tratamento actual.
O contrato foi adxudicado o 3 de agosto á UTE Espina & Delfin, S.L. – Construcciones y Canalizaciones José Saa, S.L., e formalizado a pasada semana, cun prazo de execución total de 33 meses: os 3 primeiros para redactar o proxecto construtivo; 18 para a execución das obras; e 12 para a posta en marcha da nova depuradora.
A execución das obras
A execución das obras supón a dotación dunha nova depuradora de augas residuais e dun tanque de tormentas, ademais de ampliar os bombeos e os colectores. Estes traballos enmárcanse na liña de apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento, abastecemento e depuración.
A nova depuradora situarase nun novo emprazamento, en Caldouceiro, terá un caudal máximo de 700 m³/hora e capacidade para atender 22.342 habitantes: con 2 liñas de desbaste, desareado-desengrasado, tratamento biolóxico por ultravioleta e liña de lodos.
O bombeo de cabeceira realizarase na avenida de Viveiro, onde chega o colector por gravidade que conduce as augas residuais desde o tanque de tormentas e o bombeo de Llas. A impulsión chegará ao punto alto, polo que non son necesarios bombeos intermedios.
Construirase tamén un novo tanque de tormentas, situado no punto baixo da conca principal, ao lado da actual depuradora. Será esta unha infraestrutura con capacidade de 1.000 m³, dotada de 3 bombas centrífugas somerxibles, medición de caudal, funcionamento autónomo con envío de datos. Ademais ampliarase o caudal e a capacidade dos bombeos de Llas 1 e Llas 2, dotándoos de medición de caudal, sistema de alarmas e funcionamento autónomo, tamén con envío de datos e asignación de consignas desde a depuradora.
Executaranse 4 novas impulsións: desde o tanque de tormentas, desde os bombeos de Llas 1 e Llas 2 e desde a avenida de Viveiro; e colectores por gravidade na avenida de Viveiro, de Llas 1 a Llas 2 e da depuradora ao medio receptor.
Unha vez rematada a construción da nova depuradora e constatado o seu bo funcionamento, procederase á demolición da depuradora actual.
Estas actuacións son cofinanciadas con fondos europeos FEDER, no marco do programa operativo 2014-2020.
Apoio ao Concello
A Xunta segue avanzando para mellorar o sistema de saneamento de Foz, financiando integramente a actuación e apoiando ao Concello nas súas responsabilidades co fin de ofrecer servizos de calidade aos veciños.
A Xunta leva moito tempo axudando ao Concello para a tramitación desta concesión de Costas, pola que houbo que agardar 36 meses para poder licitar este contrato de proxecto e obra.
O Goberno galego continúa traballando pola mellora da calidade das augas das rías, tendo en conta a incidencia que isto supón para a saúde, para o medio e para actividades como a pesca ou o marisqueo.



















A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.



