A iniciativa encádrase dentro de Eo Alimenta, un proxecto que pretende impulsar modelos de produción, distribución e consumo sostibles e de proximidade
Lugo, 20 de setembro de 2022. Medio Rural da Deputación de Lugo impulsa o FestivalEo da Alimentación Sustentable, que se celebrará o venres 23 e o sábado 24 en Ribadeo co obxectivo de promocionar e poñer en valor a alimentación e a artesanía de proximidade.
A deputada Mónica Freire explicou que “se trata dunha iniciativa transversal dentro das liñas estratéxicas impulsadas dende a área de Medio Rural da Deputación de Lugo, xa que procura a redución da dependencia de materias primas do exterior dadas as condicións que se están dando tanto dende o punto de vista de cambio climático coma da escaseza nos mercados internacionais”.
“Debemos ser capaces de camiñar cara a soberanía alimentaria, fundamentalmente dende a produción primaria agraria. Actividades tan dinámicas como o propio Festival Eo de Alimentación Sustentable ou proxectos como a plataforma de comercio electrónico dos produtos agroalimentarios de toda a provincia: “Son de Lugo”, que impulsamos dende a área de Medio Rural da Deputación de Lugo, deben constituír o motor que fagan mudar a nosa realidade”, afirmou Mónica.
“Só deste xeito poderemos fomentar a viabilidade de novos procesos de emprendemento no rural, consolidando o consumo de alimentos de calidade diferenciada, de proximidade, con canais curtas de distribución, e cunha baixa pegada de carbono, fixando ademais a poboación no noso territorio”, concluíu.
Producións agrarias e artesáns da Mariña e do Occidente asturiano
O FestivalEo conxuga a actividade comercial con propostas formativas e lúdicas, coas que se busca sensibilizar sobre a necesidade de consumir alimentos de proximidade que ofrecen calidade e que teñen detrás a pequenos produtores e produtoras, vinculados ao territorio e comprometidos coa conservación do medio natural.
O evento reunirá unha vintena de producións agrarias e artesáns da Mariña e do Occidente asturiano, así como proxectos asociativos que traballan no ámbito do consumo e da sensibilización ambiental. Así, entre as participantes figuran Son de Lugo, As Fadegas, Ribeiregas, El Cabillón, El Bosque de Wayra, Breogainas, Acueo Ostras del Eo, Grupo de Consumo As Grelas, La Casa Azul, Fundación Edes, Argaia Biocosmética, Artesana Sana, Observatorio Mariña Pola Igualdade, Ferrado Marelo, Colmenas do Navia Eo, Quiastolita, Ecohorta Da Costa e Eólicos Na Mariña, Así Non.
Programa
A programación iniciarase o venres 23 cunha axenda de actividades que inclúe xogos tradicionais, un obradoiro de “smoothies” e unha palestra sobre actualidade vinculada á alimentación, a partir das 17.30 h. no Parque de San Francisco. A xornada continuará cunha ruta de tapas elaboradas con produtos agroecolóxicos e de proximidade na que participarán os establecementos Kalpa Amodiño, Cafetería Breoghan, A Tapería, Cafetería La Lira, Restaurante El Oviedo, Restaurante Costa Verde, Mesón O Alén, e que contará coa ambientación musical na rúa coa Charanga A Choca.
A segunda xornada, o sábado 24, comezará ás 11.00 h. no Parque de San Francisco cunha feira de alimentación e artesanía de proximidade que se poderá visitar durante todo o día. Na mañá do sábado poderase tamén participar en dous obradoiros (de cociña e de agroecoloxía) tras os que terá lugar a sesión vermú, amenizada pola Agrupación Amigos da Gaita de Ribadeo.
Entre as 14.00 e as 17.00 h. celebrarase un xantar popular e pola tarde volta a programación coa performance “1 faba 1 vida”, de Ugia Pedreira e Marina Oural, así como cun espectáculo de circo infantil e unha palestra na que se poderán coñecer proxectos similares a Eo Alimenta que teñen lugar noutros territorios. O festival rematará co concerto do grupo local Piratas Sónicos.
Eo Alimenta
O FestivalEo da Alimentación Sustentable encádrase dentro do proxecto Eo Alimenta, unha iniciativa que reúne persoas produtoras e consumidoras, grupos de desenvolvemento rural, sindicatos agrarios e concellos da Mariña e do Occidente Asturiano co obxectivo de impulsar modelos de produción, distribución e consumo sostibles e de proximidade, e que conta tamén co apoio decidido de Medio Rural da Deputación de Lugo.





















A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.



