A Coruña, venres 17 de outubro de 2022. Os colexios de Seixalbo (Ourense), Fondo Nois (Foz) e Julio Gurriarán Canalejas (O Barco de Valdeorras) recolleron esta mañá na sede da Real Academia Galega os premios do concurso Contádenos o voso Día das Letras Galegas 2022, convocados pola institución ao abeiro de Primavera das Letras, o proxecto que dirixe ao público infantil. “Hoxe é un día de festa para a RAG, dá igual que chova, porque a Academia encheuse de primavera con todas e todos vós”, agradeceu Fina Casalderrey. A académica responsable desta iniciativa e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, foron os encargados de lles entregar aos nenos e nenas dos tres centros educativos os premios que recoñecen os seus traballos sobre Florencio Delgado Gurriarán, o autor ao que a Academia lle rendeu homenaxe o pasado 17 de maio.
Víctor F. Freixanes e Fina Casalderrey agradecéronlles ás mestras e aos mestres o labor que desenvolven cada día para transmitirlles a lingua e a cultura galegas ás novas xeracións e lembraron que Primavera das Letras nace como un espazo de comunicación da RAG cos centros educativos. “Este proxecto creouse para establecer un vínculo, un fío que a una cos colexios de toda Galicia, coma se nos collésemos das mans alumnado, profesorado e nós dende a Academia para facer unha inmensa cadea humana e, coma intrépidos corsarios, defendermos a lingua”, compara Fina Casalderrey.
Con este obxectivo, Primavera das Letras, que conta dende a súa posta en marcha, no ano 2016, co apoio da Deputación da Coruña, enriquécese este curso cunha nova sección, “Lingua Guapa”. Desde este espazo a RAG ofrecerá recursos lúdicos e didácticos sobre lingua e literatura para o público infantil alén da figura protagonista do Día das Letras Galegas. A sección presentouse o pasado mes de setembro coa estrea da película A orixe da nosa lingua guapa, baseada nunha idea orixinal e coguionizada pola académica.
Representación na sede da RAG
A entrega dos galardóns do concurso Contádenos o voso Día das Letras foi unha nova homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán chea de alegría e música. Os tres centros gañadores recibiron cadanseu lote de libros para a biblioteca escolar e un diploma das mans do presidente da Academia e da académica responsable de Primavera das Letras.
Entre outras actividades arredor da vida e da obra do poeta e activista cultural valdeorrés, o profesorado do CEIP Fondo Nois organizou unha festa galego-mexicana para achegar o alumnado á traxectoria vital de Florencio Delgado Gurriarán, figura destacada do exilio galeguista en México, e aprendeulles aos cativos e cativas, a partir dos seus “Poemas mexicanos”, distintas danzas do mundo. Os máis de 40 nenos e nenas focenses que recolleron hoxe o seu premio trouxeron á Academia unha mostra destes bailes. Acompañáronos o director do colexio, Xoán Bieito García Lorenzo, as mestras Juana Mª Fernández Balseiro, María de Gracia Quiroga Labrada e Isabel Fernández Jonte, e o mestre Manuel Lamoso Oliver.
Os versos de Florencio Delgado Gurriarán tamén inspiraron o proxecto premiado do CEIP Julio Gurriarán Canalejas do Barco de Valdeorras, a comarca natal do homenaxeado. Vinte nenos e nenas deste centro interpretaron no acto a versión do poema “Aí vén o maio” coa que o centro concorreu ao concurso, acompañados coa guitarra do mestre de música Nacho Hermida. O videoclip premiado, protagonizado polos nenos e nenas de 5 anos baixo a dirección da súa titora, Beatriz Escuredo, e Nacho Hermida é un dos grandes éxitos escolares das Letras Galegas 2022 en Youtube, onde suma máis de 7000 visualizacións. O alumnado visitou A Coruña acompañado do propio Nacho Hermida e das mestras Susana Rodríguez, Aurora Vega e Marián Fernández.
Outro traballo escolar que suma milleiros de visualización nesta canle é Un minuto con Florencio, a videocreación do CEIP de Seixalbo feita en colaboración coa canle Tik Tak Draw a partir do guión escrito polo equipo de dinamización da lingua deste centro educativo ourensán. Na entrega do galardón a este traballo participaron os oito alumnos e alumnas que lle puxeron a voz en off ao vídeo, acompañados por Ánxela Barja, Dolores Casal, Manoli Fernández e Álex Vázquez, docentes do seu antigo centro escolar e do IES Universidade Laboral de Ourense, onde este curso comezaron 1º da ESO.
























Será na Igrexa de Santa María ás 20:30 h. Debido ao aforo limitado e ao cumprimento da normativa vixente, editaranse entradas que se repartirán no acceso da igrexa o propio día do concerto, onde tamén se realizará o control de acceso.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.
As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
Ás 12:00 h, no Parque Ramón de Campoamor, terá lugar o acto institucional de homenaxe. Pola tarde, no Casino de Navia, haberá actividades abertas ao público: 18:00 h – Recital “Poesía que nos une escondida entre renglones”. 19:00 h – Encontro coa escritora Matilde Suárez, Premio “Ría del Eo”. A alcaldesa, Ana Fernández, destacou o compromiso de Navia por recuperar e poñer en valor o legado do poeta e consolidar o concello como referente cultural.
A actividade conta coa colaboración do Concello.



