Monterroso, Alfoz, O Vicedo e Cospeito tamén acollerán funcións ao longo do mes de outubro
Lugo, 20 de outubro de 2022. O circuíto de teatro profesional da Vicepresidencia da Deputación de Lugo chega esta fin de semana a Bóveda, San Paio de Narla (Friol), Cangas (Foz) e Guitiriz , con obras de A compañía solitaria do Dr. Monifate, Bátega, Producións Señor López e Mircromina Títeres
Representacións en outubro calendario e notas sobre as obras
21 DE OUTUBRO | 20:00h | CENTRO SOCIOCULTURAL (BÓVEDA)
A Compañía Solitaria do Dr. Monifate presenta Badman: Un home malo
“Carpet show”, monólogo e concerto. Público maior de 16 anos.
SINOPSE
Un home acepta e confesa a súa maldade despois de anos tentando converterse nunha boa persoa. Aínda que xa hai tempo que se descartou a frenoloxía como ciencia seguimos empregando os seus patróns de xeito inconsciente. Nacemos xa con tendencias cara certos comportamentos? Somos malas persoas disimulando para poder convivir? Somos bos e alguén nos perverte? Podemos prescindir totalmente da maldade? Unha peza sobre unha alfombra con aproximacións á comedia e ao monólogo (cómico?) dende unha perspectiva filosófica. Cancións e música para suavizar o mal, ou para darlle énfase. Un diálogo co público no que, contrariamente ós pezas que “dialogan co público” permítese que o público responda e fale. Unha perspectiva que cuestiona da bondade de todo o ben que facemos.
Dirección: Gustavo Fouce.
Actor e músico: Gustavo Fouce.
Duración: 50 min.
22 OUTUBRO |17:30h | MUSEO FORTALEZA DE SAN PAIO DE NARLA (FRIOL)
Bátega representa O mundo de Martiña.
Público maior de 14 anos.
Martiña é unha nena moi curiosa e espilida, mais hai cousas que non logra entender, como, por exemplo, que as súas opinións sexan menos importantes que as dos adultos, nin por que ten que calar e obedecer sempre a papá, a mamá, ao pai Edelmiro, á tía Amparo… cando é evidente o trabucados/as que están acotío. Iso de que estean Deus, o Ratiño Pérez, os Reis Magos, ou o anxo da garda observandoa para xulgar o seu comportamento e premiala ou castigala, tampouco lle acaba de gostar. Na segunda metade do espectáculo, veremos a Martiña medrar. Verémola afrontar a regra, a paixón adolescente, a autoridade paterna ou o duro mundo laboral. Verémola sortear obstáculos e sacar conclusións. A través dun monólogo teatralizado, musicado e entretecido con cancións, Martiña enfrontarase á vida coas armas que vai descubrindo. O seu espíritu crítico e as súas dúbidas respecto do establecido nunca a abandoarán.
Autoría: obra propia da Compañía.
Dirección: Raquel L. Cendán.
Actores: Raquel L. Cendán e Pedro Insua.
Duración: 60 min.
22 DE OUTUBRO | 19:00h | CENTRO SOCIAL DE CANGAS (FOZ)
Producións Señor López presenta A viaxe do Señor López
Público familiar
O señor López é unha persoa solitaria, triste e gris. Un día calquera acontécelle unha desas cousas solitarias, tristes e grises tan características do mundo dos adultos e a partir dese momento todo cambia. Monta unha compañía de teatro. Aprende a contar chistes. Fala idiomas inventados. Viaxa nunha balsa por un mundo cheo de cores e alegría. O señor López convértese nun paxaro-inuit. Úneste á súa viaxe?
Autoría: Rubén Pérez Pombo.
Dirección: Rubén Pérez Pombo.
Actor: Rubén Pérez Pombo.
Duración: 50 min.
23 DE OUTUBRO | 18:00h | CASA HABANERA (GUITIRIZ)
Mircromina presenta Vacacións no mar
Teatro de títeres de luva e silueta, ao tradicional estilo da cachiporra.
Todos os públicos a partir de 3 anos.
A Marina encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día, Moncho chegou a porto no seu veleiro “Ovos con patacas”, pero nun descoido o pirata Ollo Virollo tomou prestada a súa nave para botarse ao mar. Tras esta trepidante trama de acción… cumprirá finalmente Marina o seu soño de dar a volta ao planeta?
Dirección: Zoila Gulín e Ton Arenas.
Titiriteiro: Ton Arenas.
25 DE OUTUBRO | 17:30h | ESPAZO CULTURAL LORENZO VARELA (MONTERROSO)
Lîlâ Teatro presenta Duncan de Palleiro
Público infantil e familiar a partir de 3 anos.
Así é como transcorre un día na vida dun can, pero non dun can calquera. Trátase dun can moi especial que pertence a unha raza mítica, lendaria e con moito prestixio: a de Palleiro. Este can é Duncan de Palleiro, o príncipe das corredoiras. Duncan leva unha vida sinxela á beira do seu amo Aurelio e dos seus amigos, veciñas e rébanos de sempre, nunha pequena aldea no medio das montañas, chamada Oubidos, da que se sente moi fachendoso.
Duncan ama profundamente aos nenos e ás nenas, e alí onde vai leva consigo unha gran sorpresa que non deixa a ninguén indiferente. Amizade, amor e liberdade son as palabra que máis lle gustan a Duncan de Palleiro.
Dirección: Lîlâ Teatro
Actrices: Lines González e Lara Regueira.
Duración: 60 min.
28 DE OUTUBRO | 15:00h | CASA DA CULTURA (ALFOZ)
Ubú Teatro presenta “O vixiante dos soños”
Teatro con monicreque. Público familiar a partir de 3 anos
Sonólicus quere chegar á lúa desde pequeno. Busca no reflexo das pozas e dos espellos, sube ás caixas amoreadas e aos tellados, e tantos esforzos fai por conseguilo e tanto estira os brazos cara á lúa, que lle medran ata a deformidade. O seu empeño semella unha fantasía infantil da que a
nai é testemuño. Unha noite acaba de medrar e, non só acada o seu obxectivo de acompañar á lúa, senón que se converte para sempre no vixiante do sono e dos soños infantís.
Autoría: Ana Carreira.
Dirección: José Campanari.
Actrices e titiriteiras: Marga Portomeñe e Ana Carreira.
Duración: 45 min
29 DE OUTUBRO | 18:00h | CASA DA CULTURA (O VICEDO)
Mircromina presenta Vacacións no mar
Teatro de títeres de luva e silueta, ao tradicional estilo da cachiporra.
Todos os públicos a partir de 3 anos.
A Marina encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día, Moncho chegou a porto no seu veleiro “Ovos con patacas”, pero nun descoido o pirata Ollo Virollo tomou prestada a súa nave para botarse ao mar. Tras esta trepidante trama de acción… cumprirá finalmente Marina o seu soño de dar a volta ao planeta?
Dirección: Zoila Gulín e Ton Arenas.
Titiriteiro: Ton Arenas.
30 DE OUTUBRO | 17:00h | CASA DA CULTURA DE MUIMENTA (COSPEITO)
Ubú Teatro presenta “O vixiante dos soños”
Teatro con monicreque. Público familiar a partir de 3 anos
Sonólicus quere chegar á lúa desde pequeno. Busca no reflexo das pozas e dos espellos, sube ás caixas amoreadas e aos tellados, e tantos esforzos fai por conseguilo e tanto estira os brazos cara á lúa, que lle medran ata a deformidade. O seu empeño semella unha fantasía infantil da que a
nai é testemuño. Unha noite acaba de medrar e, non só acada o seu obxectivo de acompañar á lúa, senón que se converte para sempre no vixiante do sono e dos soños infantís.
Autoría: Ana Carreira.
Dirección: José Campanari.
Actrices e titiriteiras: Marga Portomeñe e Ana Carreira.
Duración: 45 min
Ciclo de Teatro Profesional
O ciclo de teatro profesional da Vicepresidencia da Deputación inclúe 47 representacións de once compañías lucenses, que desde o pasado mes de agosto xiran polas comarcas con propostas escénicas para distintos públicos, desde teatro de títeres para público novo ata montaxes con música en directo na escena ou adaptacións teatrais de textos literarios como Poeta en Nova YorK. Participan no circuíto Trécola, Mircromina Teatro, Lîlâ Teatro, Ubú Teatro, Producións Señor López, Xamón Produción, Ítaca Teatro, Pínconús, Batega, Teatro Baixo da Area e A Compañía Solitaria do Dr. Monifate
O calendario, confeccionado coa colaboración de concellos e asociacións, inclúe representacións en Sarria, Quiroga, A Fonsagrada, Ribadeo, As Nogais, Lugo, O Saviñao, Guitiriz, O Vicedo, A Pastoriza, Burela, Sarria, Alfoz, Cospeito, Castroverde, Cospeito, Pol, O Páramo, Monterroso, O Valadouro, Becerreá, Foz, Guitiriz, Xove, Rábade, Monforte, Viveiro, O Corgo, Ribeira de Piquín, Friol, Sober, Begonte, Lourenzá, Muras, A Pobra do Brollón, Vilalba, Triacastela e Monterroso.






















Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
A última xornada tivo lugar o sábado 7 de marzo no Local Social, coa disputa da final entre as dúas parellas clasificadas. A continuación celebrouse a tradicional cea e a entrega de premios ás tres primeiras parellas. Os equipos gañadores foron: 1º posto: Carlos e Toñito. 2º posto: Eladio e Santi. 3º posto: Tomás e Demetrio. A Xunta Directiva agradece a excelente acollida desta edición e expresa o seu desexo de seguir contando coa participación de todos nas vindeiras convocatorias.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.



