Foz, 18 de outubro de 2022. O Concello de Foz licita as obras de humanización das rúas Eduardo Pondal, Salvador de Madariaga, Irmandiños, Curros Enríquez e Praza de Galicia por un importe de total de 767.720,21 euros (IVE incluído), que son financiadas conxuntamente pola Deputación de Lugo (544.000 euros) e o Concello de Foz (224.000 euros). O prazo de presentación de ofertas remata o 7 de novembro.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, agradece á Deputación de Lugo e en especial ao presidente, José Tomé, a comprensión e o apoio que demostra cos problemas que ten Foz: “Avanzamos na mobilidade, actuando nunha rúa que é básica para Foz como é a baixada das Casas Baratas. Imos contar con beirarrúas de 2 metros de anchura e pasos de peóns elevados para reducir a velocidade e mellorar a seguridade dos peóns. E levarase a cabo renovación de servizos, nova rede de pluviais e pavimentación, tamén nos viais que conforman a Praza de Galicia. É unha obra prioritaria para conectar o centro urbano coa praia da Rapadoira e o Campo da Cabana”.
Fran Cajoto tamén informa do estado de avance de outras obras en curso:
Rúa Costa do Castro: “A mediados da próxima semana Construcciones Isidro Otero retomará os traballos na urbanización da rúa Costa do Castro. Nesa data desprazará os equipos de estendido de aglomerado para estender a capa definitiva de rodadura en Costa do Castro e aglomerar a Rúa do Cemiterio e a da Fiallega, como está previsto. Proseguirán os traballos coa continuación da beirarrúa dereita ata o cemiterio como senda de formigón, a execución do miradoiro no Pico do Castro e a colocación de farolas e resto de mobiliario urbano”. A través do convenio asinado para esta obra a Deputación de Lugo financia 466.800 euros e o Concello de Foz os 116.720 euros restantes.
Renovación de abastacemento da rúa Eduardo Pondal: “A comezos da semana próxima comezarán as obras de renovación da tubaxe de abastecemento en Eduardo Pondal, substituíndo a actual condución de fibrocemento por unha canalización de fundición dúctil de 200 milímetros de diámetro. Con isto evitaremos os problemas de roturas continuos que temos nesta rúa. As obras foron licitadas por o procedemento de contrato aberto e adxudicadas a Gestagua por un importe de 62.025,41 euros. A obra está financiada con cargo a fondos propios municipais.
Pista multideporte do colexio O Cantel: “Esta é unha infraestrutura deportiva que vai dar servizo ao colexio do Cantel en horario lectivo e a todas as veciñas e veciños de Pintor Laxeiro e do Concello de Foz fóra das horas de clase. As obras van comezar xa esta mesma semana. Están adxudicadas polo procedemento de contrato aberto á empresa Serviplus Total SL en 83.777 euros e están financiadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades con 62.533 euros, sendo aportados 21.244 euros de fondos propios municipais”.
Obras de mellora da Sala Bahía: “Adxudicadas á empresa Calicanto Obras y Proyectos en 133.392,34 euros, vanse a substituír ventás e portas, dispoñer dun novo sistema de climatización e pintar o edificio. O obxecto é conseguir unha sala multiusos máis eficiente e cómoda, renovando por exemplo un sistema de calefacción obsoleto e que resulta incompatible cunha representación teatral polo ruído que xera. As obras están en curso, no proceso de fabricación da carpintería exterior. As melloras son financiadas con 93.248,25 euros de fondos propios municipais e 40.144,09 euros xestionados polo Agadic procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia Estatal”.
O alcalde engade que recemente o Concello de Foz celebrou as mesas de contratación para a mellora de camiños en Cangas, Nois, Fazouro, San Acisclo, San Martiño e Vilaronte por 112.591,28 euros e de acondicionamento do Camiño da Cruz e saneamento en Mañente por 43.943,71 euros, con cargo ao Plan Único 2022 da Deputación de Lugo.





















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.


