Ribadeo, 23 de novembro de 2022. As dúas liñas de media tensión que hai na estrada do Faro, por onde discorrerá o carril bici, serán soterradas por Begasa. Iso ocorrerá cando cheguen os informes sectoriais solicitados pola empresa a varios departamentos da Xunta da Galicia, previos para que o Concello poida outorgar licenza de obras. Así o confirmou no día de hoxe o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor dixo que “levamos moito tempo planificando e tentando facer un Ribadeo máis agradable, máis humano e mais adaptado para todos e todas. Hai obras importantísimas en marcha que a cidadanía pode empezar a ver como están a cambiar para ben moitas zonas do noso concello. Hai unha delas, que nos leva custado moito de todo, como é o carril bici e todo o paseo que estamos a facer na estrada ao Faro, Vilaselán, etc. Moitos recursos económicos, moitos obstáculos administrativos, unha rescisión do contrato á anterior empresa adxudicataria, un incremento enorme de custos por mor da situación de alza dos materiais, etc. A pesar de todo isto estamos saíndo adiante con todo, e de feito contamos que todo poida estar listo e rematado a final de ano”.
Fernando Suárez comentou que “hai algún detalle que vemos que non nos está gustando como queda, pero, como todo nesta vida ten a súa explicación: hai dous postes de media tensión que non quedan en absoluto nada ben, agora que se foi mellorando e aglomerando o pavimento da estrada. Vai para 2 anos (desde xaneiro de 2021) que iniciamos os trámites pedíndolle á empresa eléctrica Begasa que os retirara ou recuara o espazo suficiente”.
O alcalde explicou que “neste caso, a empresa eléctrica si que tentou cumprir os nosos requirimentos, e solicitou varias autorizacións sectoriais. Por parte da Xunta de Galicia, veu un informe desfavorable para esta actuación, por entender que debera ser soterrada e non recuada. Seguidamente, a empresa Begasa solicitou o soterrado completo da liña. Para iso tivo que pedir varios informes sectoriais (Patrimonio, Augas, Costas e Industria), previos e teñen que ser favorables para que o Concello poida outorgar licenza de obras. A día de hoxe, varios deses informes aínda non chegaron. Unha vez todos cheguen favorablemente procederase a dar a licenza de obra e esta situación desagradable desaparecerá. O Concello continúa coas súas obras por mor de telas xustificadas antes do remate do ano para non perder a importante axuda da Deputación”.
Viario que vai á Illa Pancha
Suárez Barcia tamén se referiu ao treito de estrada que vai desde a praia de Rochas Brancas ata o Faro: “por outra banda, tamén hai un bocadiño de viario público, concretamente o que vai dar á Illa Pancha que non se está arranxando porque non é titularidade do Concello se non da Autoridade Portuaria. Tamén vai para dous anos que lles explicamos o que iamos facer polo que lle pediamos que actuasen de igual xeito. Estas a comunicacións foron reiteradas ao longo do tempo. Hai escasos días, desde a Autoridade Portuaria confirmáronnos que esas obras se executarán o mais axiña posible. Como di o dito, podemos facer posible o imposible, mais milagres aínda non facemos. Confiamos que en breve por parte de Begasa coma da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao cumpran os seus compromisos e todos estes obstáculos queden resoltos dunha vez por todas.
Escola de Rinlo
O alcalde ribadense manifestou: “outra das cousas que vimos nestas últimas horas foi que algunha persoa da asociación de veciños o Cantal, de Rinlo, puxo nas redes sociais unha serie de goteiras e humidades na Escola Municipal, logo de executar alí unhas obras. Como non podía ser doutro xeito, os técnicos municipais indicáronlle á empresa executora das mesmas que fora alí. O resultado que nos trasladan foi que unha claraboia quedou aberta, non se sabe como nin porque, e foi o motivo de que entrase a auga. Polo momento non detectaron ningunha vía mais de entrada de auga”.
E engadiu: “dicimos isto porque, é de humanos errar, sobre todo cando se fan cousas polo pobo en xeral, o que xa é de persoas como mala baba é estar ao quite de calquera mínima situación para culpar ao Concello. Quizais debera rebaixarse o nivel de politización dalgunhas desas persoas e atender máis á leal colaboración, do mesmo xeito que se fai no resto de asociacións veciñais do concello”.





















Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.



