Os premios entregaranse o vindeiro 1 de decembro na Cidade da Cultura co obxectivo de dar visibilidade ao traballo dos GALP e animar a novos promotores a que presenten proxectos para impulsar o sector e preservar o patrimonio marítimo e costeiro
Noia (A Coruña), 4 de novembro de 2022. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, presentou hoxe no Museo do Mar de Noia a terceira edición dos Premios Economía Azul, uns recoñecementos cos que se pretende galardoar os mellores proxectos sustentables das zonas costeiras de Galicia postos en marcha ao abeiro das axudas para iniciativas dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP). Os premios contan con catro categorías -apoio á pesca costeira artesanal, creación de emprego, diversificación e economía circular- ás que aspiran 12 proxectos, tres por cada unha delas.
A representante da Consellería do Mar explicou que os 12 finalistas foron seleccionados por unha comisión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro entre as propostas presentadas polos GALP tendo en conta os beneficios que xeraron para o sector pesqueiro e a súa área de influencia. Estre os aspectos considerados están a súa contribución á creación de emprego nas zonas costeiras, o reforzo da identidade, a cultura e o patrimonio local así como os elementos innovadores introducidos e a creación de oportunidades para as mulleres e a mocidade no sector marítimo-pesqueiro.
Susana Rodríguez expuxo que agora se abre o proceso de votación pública para a elección dos proxectos gañadores polo que calquera persoa pode votar desde hoxe e ata o vindeiro 25 de novembro na páxina web https://galp.xunta.gal/. Poderase votar a un proxecto dos finalistas en cada unha das catro categorías e resultará gañadora a candidatura que reciba máis votos. As iniciativas premiadas anunciaranse o 1 de decembro nunha gala que se celebrará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro salientou que estes galardóns van dirixidos ás entidades e persoas promotoras de proxectos subvencionados ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo dos GALP. Con eles, dixo, búscase dar visibilidade ao labor destes grupos na dinamización das zonas do litoral e animar a potenciais promotores a que presenten novas iniciativas coas que impulsar o sector marítimo-pesqueiro e preservar o patrimonio costeiro de Galicia.
Balance dos GALP
Un exemplo da súa importancia son os máis de 660 proxectos desenvolvidos desde a súa creación no ano 2016 a finais do ano pasado. Estas iniciativas recibiron máis de 38 millóns de euros de axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que supuxeron un investimento global de máis de 80 millóns de euros. A actividade económica xerada por estas accións permitiu aportar máis de 230 millóns de euros á economía galega, preto dun 0,4% do produto interior bruto (PIB) de Galicia, e a creación de máis de 4.600 empregos directos e indirectos.
A categoría de apoio á pesca costeira artesanal, incluído o marisqueo a pé, está dirixida a proxectos que aborden novas canles de comercialización, impulsen o valor dos produtos pesqueiros, favorezan o aproveitamento das especies menos coñecidas, promovan a oferta de produtos de proximidade así como solucións para o uso dos descartes.
En canto á creación de emprego, na selección tivéronse en conta as iniciativas que estimulan a economía das zonas costeiras, reforzan o seu atractivo desenvolvendo servizos de alta calidade, forman ás persoas e promoven o emprendemento no sector marítimo-pesqueiro.
A categoría de diversificación atende a proxectos que avalían novas actividades, a vinculación entre a pesca e o turismo, o impulso do turismo pesqueiro e o fomento e aproveitamento do patrimonio cultural vencellado co mar. Mentres, na de economía circular ponse o foco na reutilización, reparación e reciclaxe de materiais empregados nas actividades do sector pesqueiro así como o deseño de produtos que empreguen materiais que minimicen os residuos e a contaminación.
Os proxectos finalistas desta terceira edición son:
Ao premio a mellor proxecto de apoio á pesca costeira artesanal:
1. Narón emprende en azul. Concello de Narón (GALP Golfo Ártabro Norte).
2. Mellora do proceso produtivo do polbo de lonxa. Confraría de pescadores de Lira (GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible).
3. Acondicionamento do espazo da lonxa de Portonovo para a mellora do uso turístico e comercial implantando novas tecnoloxías – enLonxaTour. Confraría de Pescadores de Portonovo (GALP Ría de Pontevedra).
Ao premio a mellor proxecto de creación de emprego:
1. Pazo de Trasariz Seafoof Events. Trasariz Desarrollo Inmobiliario SL (GALP Costa da Morte).
2. Seafood Market Mama Celia. Manuel Cartamil Obelleiro (GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible).
3. Produción de algas comestibles das Rías Baixas galegas. H.Q. Seaweed SL (GALP Ría de Vigo-A Guarda).
Ao premio a mellor proxecto de diversificación:
1. Creación da aula do mar A Mariña. Asociación de Saúde Mental A Mariña (GALP A Mariña – Ortegal).
2. Restaurante Material: O Abrigo do Nordés. Nordés Material SL (GALP Costa da Morte).
3. Pescaturismo Praia de Sanxenxo. Sauro Martínez Durán (GALP Ría de Pontevedra).
Ao premio a mellor proxecto de economía circular:
1. Centro de transformación do lixo mariño. Asociación de mulleres do sector pesqueiro Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia (GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible).
2. Amegrove Coida o Mar – Amecomar. Amegrove Sociedade Cooperativa Galega (GALP Ría de Arousa).
3. Fabricación de produtos con materiais reutilizados e residuos procedentes da manufactura. Nordés Veleria SL (GALP Ría de Pontevedra).





















Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



