Mondoñedo, 25 de marzo de 2023. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausurou hoxe o encontro sobre mulleres referentes organizado no Concello de Mondoñedo, con motivo da recente celebración do Día internacional da muller. A representante autonómica puxo en valor os apoios da Xunta a este municipio no eido da conciliación e para o mantemento do seu Centro de Información á Muller. Lembrou, ademais, que a colaboración coas entidades locais resulta fundamental para facer chegar á poboación os recursos de loita contra a violencia de xénero e de atención ás vítimas, así como para o fomento das vocacións profesionais das mulleres.
López Abella subliñou a importancia de eventos como o de hoxe para dar a coñecer o papel profesional das mulleres. “Sumámonos a esta iniciativa para poñer de manifesto a importancia de acadar a igualdade real e efectiva, nun ámbito vital para o desenvolvemento da nosa sociedade e dos nosos concellos”, indicou. Neste eido reivindicou a elaboración de estudos sobre mulleres referentes dos municipios na ciencia, a tecnoloxía, as matemáticas e a cultura “co obxectivo de sensibilizar e visibilizar a veciñas referentes e que as coñeza toda a sociedade con especial atención á mocidade”.