Ribadeo, 10 de marzo de 2023. O Concello rehabilitará o Forte de San Damián. O investimento ascenderá a 150.000 euros.
O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, dixo que “o Forte de San Damián afunde as súas raíces na Torre Nova do século XVI mais é en 2024 cando se compren 400 anos de vinculación directa coas edificacións posteriores á dita torre. Precisamente para celebrar esa efeméride desde o Concello queremos que a súa rehabilitación sexa unha realidade”.
Vizoso Galdo subliñou que “para este fin, o Concello de Ribadeo acaba de solicitar un convenio interadministrativo á Deputación de Lugo para a rehabilitación do Forte de San Damián, por importe de case 150.000 euros”.
E lembrou que “despois da súa última rehabilitación, aló pola década dos 80, o custo de mantelo aberto impedía o seu desfrute por parte da poboación ribadense e visitante. E tiña que limitarse ao período estival, no que se aproveitaban eventos culturais –como exposicións e concertos- para posibilitar as visitas”.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, contou que “desde a súa rehabilitación nos anos 80 do século pasado o edificio foise deteriorando, sobre todo no que atinxe ás consecuencias das filtracións de auga, que foron prexudicando a carpintaría, o teito e as paredes, a pesar das necesarias accións de mantemento e acondicionamento anual que se veñen facendo de maneira habitual”.
A edil ribadense dixo que “esta intervención polo tanto suporá a necesaria rehabilitación deste edificio emblemático e posibilitará o seu uso como dotación cultural estable para o Concello de Ribadeo. Ata agora, economicamente só era factíbel a súa apertura dous meses no verán, aproveitando os eventos culturais (nomeadamente exposicións e concertos) que tiñan lugar alí. É preciso encetar unha nova etapa baseada na rehabilitación que converta o inmoble nun centro de interpretación para o futuro máis próximo. Precisamente, en 2024, celebraremos os 400 anos do forte e o Concello xa está inmerso na preparación de varias exposicións sucesivas que están destinadas a, despois do arranxo, ocuparen as salas do edificio”.
O concelleiro de Turismo sinalou que “o edificio é un Ben de Interese Cultural desde 1949. Acondicionar estes inmobles supón afianzar o patrimonio non só arquitectónico senón tamén contribuír a garantir un dinamismo social, de iniciativas que son indicadores de vitalidade das poboacións. Significaría no caso que nos ocupa que estas dinámicas non estean vinculadas a unha época do ano, nomeadamente o verán e con turismo, senón que a poboación que dun xeito ou outro é susceptíbel de usala e vaia ter nunhas condicións adecuadas de uso”.
Pablo Vizoso relatou que “as obras incluirán a eliminación de barreiras arquitectónicas para acceder ao interior do edificio principal dentro do perímetro do Forte de San Damian e tamén a eliminación da maleza do muro perimetral, mellorarase a estrutura da cuberta do baluarte existente e retellar, reparando os paramentos verticais exteriores da nave principal, incluíndo pintura nova. Recuperaremos e sanearemos a carpintaría existente, substituíndo algunhas ventás que se atopan en moi mal estado de conservación. Instalaremos tamén pranchas de pladur no interior das salas de exposición, eliminaranse as filtracións de auga en distintos puntos. Delimitarase o foso do perímetro do forte mediante barreiras arquitectónicas de madeira, iluminando o exterior do edificio, dotando de electricidade independente o inmoble, xa que na actualidade o subministro se realiza a través doutro edificio público independente”.
E engadiu que “a intervención terá un custo de 150.000 euros e ten un prazo previsto de execución de 3 meses. A sinatura do convenio coa Deputación de Lugo está prevista para as vindeiras semanas”.
























As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
O acto está organizado pola Asociación de Irmandade Locudy, nunha proposta cultural que pon o foco na relación entre Galicia e Bretaña a través da figura de Castelao.
Era o único ocupante do vehículo. O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente uns minutos despois das 10:00 horas deste domingo. Segundo indicou un particular, un coche caera por un desnivel duns 20 metros no quilómetro 2 da LU-P-6104. Desde a Sala de Operacións do 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Barreiros, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Trabada. Unha vez no punto, os servizos de emerxencias indicaron que había unha persoa falecida, único ocupante do vehículo, sen que nada se puidera facer por salvarlle a vida.
A cita, consolidada como un referente do verán cultural no municipio, reuniu na Praza dos Campos á formación anfitriona do encontro, a Agrupación La Sidrina, de Lugones (Asturias) e o Grupo Folklórico Estampas de México. A programación continuou o sábado coa celebración do Festival Folklórico Infantil. Villares puxo en valor o labor que o grupo Mistura desenvolve durante todo o ano na conservación e difusión do patrimonio cultural galego, así como a importancia de iniciativas coma este festival “para manter vivas as tradicións e dinamizar a vida social e cultural dos nosos concellos”.
A eucaristía, un dos actos centrais das festas patronais de Foz, continuou coa tradicional procesión e coa ofrenda floral en memoria das persoas falecidas no mar. A mandataria provincial formou parte da comitiva xunto a numerosos veciños e veciñas, visitantes, membros da corporación municipal e a pregoeira desta edición, María Nelle Castro Neira, focense moi vinculada ás festas desde a infancia.



