A Deputación de Lugo impulsa este programa de rutas gratuítas, no que dende hoxe e ata o venres participarán preto de 150 veciños e veciñas de Pedrafita do Cebreiro, Samos, Begonte, As Nogais, O Incio, Viveiro e Chantada
Lugo, 18 de abril de 2023. Veciñanza de sete colectivos da provincia participan esta semana no programa de viaxes da Deputación de Lugo Coñece a túa provincia. Son en total preto de 150 as persoas que, dende este martes e ata o venres, percorren o territorio provincial coas viaxes gratuítas que impulsa a institución para entidades sen ánimo de lucro co obxectivo de fomentar o turismo de proximidade. A veciñanza esta semana procede dos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Samos, Begonte, As Nogais, O Incio, Viveiro e Chantada.
Este martes é o estudantado do Colexio Público de Pedrafita, a través da Asociación de Pais e Nais de Alumnos, o que visitará o Centro de Interpretación Terras do Miño para despois percorrer o Centro Histórico de Lugo con paradas en lugares emblemáticos como a Muralla. Esta mesma visita, pero coa primeira parada na Produtora de Audiovisuais da institución provincial, realizarao mañá mércores o alumnado do CEIP de Samos. Ese mesmo día os usuarios e usuarias do Centro Recreativo, Cultural e Deportivo de Baamonde, en Begonte, visitarán o Mazo de Santa Comba para posteriormente coñecer o municipio de Quiroga.
Será o xoves a quenda de dúas asociacións de mulleres. Por unha banda, as Mulleres Rurais de Counavia, das Nogais, farán a primeira parada no Centro de Interpretación Terras do Miño antes de desprazarse ata o interior da Mariña para visitar Mondoñedo e Lourenzá. Por outra banda, e tamén con parada nesta comarca, pero nos concellos do Vicedo, Viveiro e Ourol, a Asociación de Mulleres as Xeitoras de Eirexalba, do Incio, fará a súa primeira visita á Produtora de Audiovisuais.
Para rematar a semana, o venres será a quenda da Asociación Cultural Proa, de Viveiro, e da Asociación de Veciños San Juan da Alameda, de Chantada. Os mariñáns achegaranse ao Centro de Interpretación Terras do Miño e, posteriormente, coñecerán os concellos de Quiroga e Ribas de Sil. Pola súa banda, os da Ribeira Sacra irán cara o norte da provincia parando primeiro nas instalacións da Granxa Gayoso Castro e continuando a viaxe para coñecer os municipios de Guitiriz e Friol.
O programa Coñece a túa provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.






















Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
A última xornada tivo lugar o sábado 7 de marzo no Local Social, coa disputa da final entre as dúas parellas clasificadas. A continuación celebrouse a tradicional cea e a entrega de premios ás tres primeiras parellas. Os equipos gañadores foron: 1º posto: Carlos e Toñito. 2º posto: Eladio e Santi. 3º posto: Tomás e Demetrio. A Xunta Directiva agradece a excelente acollida desta edición e expresa o seu desexo de seguir contando coa participación de todos nas vindeiras convocatorias.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.



