Releva no cargo a Xabier Pardiñas, candidato nos últimos comicios, quen non repetirá a causa dunha incompatibilidade por motivos profesionais
Alfoz, 17 de abril de 2023. Na última reunión da Dirección Executiva de VIA Alfoz elixiuse por unanimidade a Efigenia Maseda Paz como candidata á alcaldía para as vindeiras Eleccións Municipais do próximo 28 de maio. Efigenia Maseda releva no cargo a Xabier Pardiñas, quen fora candidato en 2015 pola agrupación de electores Veciños Independentes de Alfoz e en 2019, xa con VIA Alfoz, a causa dunha incompatibilidade por motivos profesionais.
Nacida en Alfoz, no barrio de Vilaúde, da parroquia de Mor, hai 58 anos, Efigenia Maseda é Licenciada en Filoloxía Clásica pola USC. Mirando cara atrás, desde o seu destino actual como funcionaria de carreira no IES Perdouro de Burela, e ata os seus comezos laborais como docente en academias da cidade de Lugo na década dos anos 90, hai toda unha vida de traballo en moi diferentes ámbitos e postos que a fan coñecedora da realidade e as necesidades do Concello de Alfoz.
Efigenia Maseda foi traballadora do Concello de Alfoz, exercendo, en diferentes etapas, como Educadora Familiar, Administrativa e Animadora Sociocultural.
Ademais, xestionou por parte do concello a organización e coordinación do Mercado Medieval entre 2007 e 2009, evento co que continuou colaborando ata o ano 2018. Esta etapa, ademais do seu traballo no servicio postal de Correos, faina coñecedora, non só da veciñanza, senón tamén dos diferentes lugares do concello de Alfoz.
A nivel político, Efigenia Maseda é Presidenta de VIA Alfoz desde a súa fundación, posto no que foi ratificada na pasada Asemblea Xeral do 13 de novembro de 2022. Agora, asume o relevo natural de Xabier Pardiñas como candidata á alcaldía de Alfoz, tras substituílo como voceiro do Grupo Municipal de VIA Alfoz en 2021.
Con esta elección, comeza a conta atrás para as eleccións do vindeiro 28 de maio «cunha lista consensuada, cun proxecto renovado e innovador que pretende mellorar o benestar da veciñanza de Alfoz», indica Efigenia Maseda, quen estará acompañada na candidatura por Xabier Pardiñas, xunto con outros membros da actual Dirección Executiva e «moitas caras novas dispostas elixir o mellor para Alfoz» engade a candidata. A presentación da lista realizarase nun evento público o vindeiro 1 de maio.





















A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



