Lugo, 18 de abril, 2023. Tras tres anos sen reunirse, como viña sendo habitual, por culpa da pandemia, o encontro anual dos profesionais da hostalería da provincia de Lugo, promovido pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), volveu celebrarse este luns no hotel Spa Attica 21 de Vilalba.
Durante a gala, que comezou ás 21:00 horas, fíxose entrega dos premios Toda unha vida nos fogóns, homenaxeando así a traxectoria de María Luisa Rey e Jesús Pena, de A Nosa Casa, de Lugo; a Celia Neira e Manuel López, de A Nosa Terra, de Lugo; a María Teresa Vázquez, do Mesón do Campo, de Vilalba, e a Maruja Ares, do Restaurante Galicia, de Baamonde.
Seguidamente, interveu o presidente da Apehl, Cheché Real, que lembrou todo o traballo realizado durante os meses de pandemia e resaltou o papel da Asociación como vía de comunicación entre as administracións e os seus asociados: “A unidade de todos cobra especial sentido en tempos difíciles como os que atravesamos e quedou máis que demostrado que, xuntando esforzos, conseguimos mellores resultados, principal obxectivo do asociacionismo”.
Neste sentido, subliñou que “o movemento asociativo non só debe quedar na provincia senón que debe estenderse ao ámbito autonómico, estatal e mesmo europeo, xa que a nosa pertenza a Hostelería de Galicia, ao Clúster Turismo de Galicia, á Confederación Española de Hoteis e Aloxamentos Turísticos (CEHAT), á Confederación Empresarial de Hostalería de España (CEHE) ou á europea Hotrec fixo que sexamos cada día mellores e máis eficientes”.
Tamén destacou que a profesionalización e a dixitalización continúan marcando o futuro do sector. “Debemos seguir incidindo na formación dos hostaleiros e na procura de turistas de calidade, da man das nosas administracións, porque a dixitalización pisa cada vez máis forte e non hai que quedar atrás”, alertou.
Finalmente, dedicou unhas palabras de agradecemento a todas as institucións e organismos que colaboran incondicionalmente coa Apehl e a todo o público pola súa asistencia.
Recoñecemento a Cheché Real pola súa dedicación
O presidente da Apehl, Cheché Real, foi sorprendido cun recoñecemento público, iniciativa da directiva da Asociación e de todo o persoal técnico, pola súa dedicación e o seu traballo ao longo de todos estes anos á fronte da presidencia e, especialmente, pola súa implicación e o seu esforzo durante toda a pandemia.
O evento reuniu a preto de 200 persoas, entre hostaleiros, autoridades, representantes das diferentes denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas e produtores de razas autóctonas de Galicia, así como a provedores e profesionais do sector, e contou coas intervencións do deputado de Participación Cidadá, Roberto García; da subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez; do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, e da alcaldesa do Concello de Vilalba, María Elba Veleiro. Tamén estiveron presentes Paloma Vázquez, xefa da área Provincial de Turismo en Lugo; Juan Serrano e Javier Vázquez, director e responsable de comunicación da Casa de Galicia de Madrid, e Cesáreo González, presidente do Clúster Turismo de Galicia.





















Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
A última xornada tivo lugar o sábado 7 de marzo no Local Social, coa disputa da final entre as dúas parellas clasificadas. A continuación celebrouse a tradicional cea e a entrega de premios ás tres primeiras parellas. Os equipos gañadores foron: 1º posto: Carlos e Toñito. 2º posto: Eladio e Santi. 3º posto: Tomás e Demetrio. A Xunta Directiva agradece a excelente acollida desta edición e expresa o seu desexo de seguir contando coa participación de todos nas vindeiras convocatorias.
Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.



