Ribadeo, 9 de maio de 2023. Do 12 de maio ao 23 de xuño Acisa Ribadeo repartirá 15.000 premios nunha nova edición da campaña Rasca e Gaña coa que a asociación pretende fomentar as compras no comercio local e o consumo na hostalería.
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Carmen Cruzado, subliñou que “presentamos esta campaña, que se vai desenvolver desde este venres, 12 de maio, e ata o 23 de xuño co obxectivo de potenciar as vendas neste período do ano, tras a celebración o dia da nai e previo ás rebaixas de verán. Os premios son moi interesantes e atractivos para a clientela do comercio, da hostalería e dos servizos de Ribadeo. Saír dun bar cun vale para mercar un regalo no comercio de Ribadeo ou ir mercar a unha tenda un agasallo e saír cunha botella de viño para levar para a casa ou cunha cea está moi ben”.
Cruzado Iglesias indicou que “con este Rasca e Gaña tamén lle estamos dando as grazas á clientela que segue confiando en nos e que seguen mercando en Ribadeo… a todas esas persoas que apostan polo noso comercio para facer as súas compras e ás que elixen a hostalería local para as súas celebracións ou para compartir momentos coas amizades. En definitiva estamos dándolle as grazas aos clientes de sempre, aos clientes que están a facer que saiamos para diante”.
A presidenta de Acisa deu as grazas “especialmente aos establecementos que doaron algún premio pola súa xenerosidade. Isto foi posible unicamente grazas a eles, á súa xenerosidade coa asociación, pero sobre todo cos seus clientes. Son 80 os locais que están presentes cos seus agasallos neste Rasca e Gaña. Esta campaña ten unha clara intención, agradecer en forma de premio a fidelidade que están a ter os ribadenses co comercio e a hostalaría locais”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “a campaña estará en todos os establecementos asociados a Acisa Ribadeo. Póñense en circulación 100.000 rascas dos que mais de 15.000 conteñen premios, mellorando con creces a edición do 2020 na que se editaron 15.000 rascas con 1.500 premios. Se xuntamos o valor económico de todos os premios probablemente esteamos diante da campaña mais importante dos últimos anos”.
Pérez Prada sinalou que “neses mais de 15.000 rascas premiados hai desde botellas de viño, ceas, merendas e comidas, menús especiais, cañas, copas, almorzos, cervexas, descontos en tendas do 5%, 10%, 15%, 20 % e ata do 50 %, promocións 2×1 ou vales de compra monetarios de 5, 10, 15 e 20 euros. Tamén hai regalos directos, como reloxos, produtos personalizados, e lotes de verán. Cada negocio asociado a Acisa entregará entre 100 e 120 premios”.
Sobre a mecánica da campaña Jesús Pérez dixo que é sinxela: “por cada compra poderás pedir o teu rasca debidamente selado. Estarán dispoñibles dende este o 12 de maio ata o 23 de xuño ou ata fin de existencias en cada negocio. Se resultas agraciado cun premio terás que reclamalo no establecemento que che indica o rasca. Os premios poden reclamarse ata o 23 de xuño e non son acumulables entre eles nin con outras promocións. As bases da campaña poden consultarse nas redes sociais ou na web de Acisa e os premios aos que se pode optar tamén se publicarán nas nosas redes”.
O Rasca e Gaña de Acisa conta coa colaboración de preto de 80 establecementos doadores de premios e está cofinanciado pola Xunta de Galicia.
No acto de presentación participaron varios membros da directiva de Acisa: Manoli Torviso, Tita Iglesias, Felipe Fernández, José Ramón Leal e Carmen Cruzado, así como o xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



