Burela, 26 de xullo de 2023. O salón de plenos acolleu este mediodía a presentación da Feira do Bonito e de Produart, que terán lugar a primeira fin de semana de agosto. No acto participaron a alcaldesa, Carmela López, a presidenta da Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia, Rocío Rivera, o xerente da Fundación Expomar, José Manuel González Brais, e o director Xeral de Pesca, Antonio Basanta.
A continuación tivo lugar un showcooking, organizado pola Deputación Provincial de Lugo, na Praza do Concello, que contou coa participación dos cociñeiros Juan Rubinos, Carlos González e Pablo Vila, que elaboraron marmitako 2.0, tartar de bonito con millo tostado e pesto e bonito marinado, crema de tomate e cereixas encurtidas.
Na súa intervención a alcaldesa, Carmela López, sinalou que “xa son 37 anos celebrando unha forma de pescar tradicional e sostible coa nosa Feira do Bonito e máis de 20 acompañando a mesma coa Feira Produart. Desde o ano 83, esta Feira, que na súa orixe era o sábado á tarde, cando repartía daquela a ración principal, foi medrando e á mesma se foron sumando outras actividades que hoxe presentamos e que a fan máis especial. Sentimos orgullo de pobo polos voluntarios e voluntarias que fan esta feira posible e por todas as entidades colaboradoras”.
A rexedora subliñou que “a Feira este ano ademais comeza este xoves día 27, cunhas xornadas promovidas pola Sociedade Cultural Ledicia, que doa dúas pezas de bonito aos establecementos participantes e polo Concello de Burela, que pon a disposición un tren turístico o xoves 27 e venres 28 para tapear bonito a todo tren. O mapa xa está dispoñible nas nosas redes sociais para que as nosas veciñas, veciños e visitantes coñezan as paradas da ruta”.
A XXXVII Feira do Bonito de Burela terá lugar os días 5 e 6 de agosto, aínda que as actividades xa darán comezo mañá co III Tapeo do Bonito en 14 locais hostaleiros que ofrecerán as súas preparacións ata o vindeiro domingo, 30 de xullo. Tamén haberá a Semana Bonita de Rebaixas nos establecementos asociados a Acia Burela. Haberá ademais actividades deportivas e tamén quedada de coches clásicos.
O 5 de agosto ás 13:30 horas será o pregón a cargo de David López Mon e a continuación terá lugar a tradicional degustación de bonito. A oferta gastronómica brinda dúas opcións: a tapa de salpicón por 3 euros e a ración clásica (de bonito cocido, bonito asado á grella e empanada) por 9 euros. Pola tarde terán lugar tres concertos ás 20.30h no recinto da Feira: Pauliña, Ruxe-Ruxe e Dj Chente.
O domingo 6 de agosto seguirán as actividades da Feira. Ás 11.30 horas terán lugar as actividades infantís a cargo de Xogando nas Nubes. Ás 13.30 horas abrirase a degustación de marmitako, acompañada nesta ocasión dunha sesión vermú cos grupos Superglú e Escuchando Elefantes. Seguidamente, será a entrega de premios do VII Concurso Internacional de Pintura Mural Amarte.
A intensa axenda de actividades rematará coa proxección do documental Morabeza, de David López Mon, na Praza do Concello, seguida de coloquio con persoas protagonistas e o autor da peza.
Os organizadores agradecen de maneira especial ás máis de cen persoas voluntarias e ás empresas privadas que de xeito anónimo colaboran na Feira. O evento está organizado por Ledicia, que conta coa colaboración do Concello de Burela, da Deputación de Lugo, da Xunta de Galicia, de Absa, Confraría de Pescadores, Acia Burela, Fundación Expomar, Acega, Autoclásicos da Mariña, Veteranos SD Burela, Club Baloncesto Burela, Asociación Burela Floral e Asociación Cultural Fanto Fantini.
Do 4 ao 6 de agosto tamén se celebrará en Burela na nave de redes a XXI Feira dos Produtos Artesanais e Ecolóxicos Produart na que se darán cita arredor de 50 expositores. O programa inclúe obradoiros, conferencias e actividades infantís. Produart está organizada pola Fundación Expomar.
A primeira fin de semana de agosto estará repleta de actividades en Burela, xa que tamén se celebrará a sétima e última edición do Certame de Pintura Mural Amarte.























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



