A alcaldesa comparte a alegría da voceira popular pola concesión da axuda, “é curioso, xa que na campaña electoral acusounos de non solicitar esta axuda, pero isto demostra que si o fixeramos”
Viveiro, 21 de xullo de 2023. O Concello de Viveiro recalca que a Xunta cumpre tarde coas obras do campo de Lavandeiras, tras conceder esta semana unha axuda para realizar o proxecto. O Goberno local insiste en que o proxecto xa contaba cun convenio económico, que a Xunta rexeitou prorrogar, obrigando ao Concello a buscar outro tipo de financiamento. A axuda, dun importe de 50.000 euros, será para executar o proxecto de reforma de instalación eléctrica e dotacións no campo de deportes municipal de Lavandeiras. O orzamento total do proxecto ascende a 120.018 euros.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, recalca que a concesión da axuda “demostra que este Goberno local foi dilixente e solicitara esta subveción, malia que a voceira do partido popular, quen agora se alegra pola concesión, nos acusou durante a campaña de que non a solicitaramos”.
O Concello de Viveiro aclara que este proxecto contaba nun inicio con sendos convenios coa Deputación e a Xunta para financiar, xunto á administración municipal, estas obras. Porén, unha demora nunha autorización de Augas de Galicia provocou o retraso na sinatura do convenio da Xunta a finais do ano 2022.
Dadas as circunstancias temporais, o proxecto saíu a licitación a finais dese ano, cun prazo de execución axustado. Segundo o Goberno local, esta é unha das posibles razóns para que o concurso quedara deserto. Coa intención de sacar de novo a licitación as obras, o Concello de Viveiro solicitou en varios escritos unha prórroga á Xunta, que foi denegada, impedindo así o financiamento a tres partes proposto inicialmente.
O Goberno autonómico informou ao Concello que podía solicitar esta axuda, agora concedida, para suplir o convenio. O Concello actuou con dilixencia, solicitando e logrando esta axuda. Porén, lamentan que se a Xunta prolongara o convenio para o campo das Lavandeiras, o importe desta axuda podería empregarse noutros proxectos.
Neste sentido, o Concello informa que xa está solicitado á Deputación de Lugo, como se fixera en 2022, o correspondente convenio para a financiación da parte que estaba prevista no seu momento, asumindo o concello a financiación da parte restante.
Dende o Concello de Viveiro agradécese esta axuda da Xunta, igual que o financiamento que recibe doutras administracións. Porén, o Goberno local remarca actuou con toda a dilixencia posible neste proceso, o cal, dado que dependía doutras administracións, derivou na necesidade de solicitar esta axuda, xa que a obra non se puido executar en 2022 polas circunstancias descritas.
Finalmente, a alcaldesa do Concello comparte a satisfacción da voceira do grupo popular, quen recoñeceu que a Xunta concedeu esta subvención, o que denota que o Goberno local a solicitou.
Nese sentido, cabe lembrar que durante o debate da campaña electoral das pasadas eleccións xerais, ante uns 400 veciños e veciñas, a candidata polo Partido Popular, Mariña Gueimunde, dixo abertamente que a alcaldesa non solicitara esta subvención. Polo tanto, dende o Goberno local insisten que, ou ben a candidata estaba a mentir, ou non tiña coñecemento da realidade, considerando graves calquera destas dúas opcións.




















O Concello destaca a oportunidade que supón para impulsar a hostalaría local e felicita ás persoas galardoadas pola súa contribución á gastronomía asturiana.
Este texto é o froito de varios anos de investigación e convida profesionais da educación, terapeutas e persoas curiosas a descubrir como o traballo coa arxila libera traumas e favorece unha transformación persoal profunda. Ao remate do acto servirase un viño e un pequeno petisco.
A continuación, as persoas que desexen continuar a conversa e compartir un tempo de convivencia poderán anotarse á comida que se celebrará na Casa da Penela.
Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.



