Aberto o prazo para a presentación de ofertas para a adecuación do ximnasio municipal e a dotación de espazos no pavillón ata o 14 de setembro
Barreiros, 28 de agosto de 2023. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o concelleiro de dinamización, Dani García, visitaron as obras que se están a executar no pavillón municipal, onde xa está finalizada a renovación da cuberta por parte da empresa adxudicataria, Coto Estudios y Construcciones, SL.
Nestas obras, que suporán un investimento de 113.377 euros financiados ao abeiro dun convenio coa área de deportes da Deputación que dirixe Efrén Castro, contémplase a renovación da cuberta do pavillón e a apertura dunha saída lateral de emerxencia, da que carecía a instalación.
Dani García explicou que “se priorizou este investimento, xa que o estado da cuberta era moi deficiente e xeraba problemas de goteiras e filtracións que teñen repercutido nas actividades que se desenvolvían no pavillón.“ Deste xeito, o goberno municipal continúa cos proxectos de mellora das instalacións deportivas, xunto coa renovación da pista de pádel que se atopa en execución.
A adecuación e dotación do ximnasio, seguinte obxectivo
Nunha seguinte actuación que xa se atopa administrativamente en marcha, adecuarase o ximnasio municipal para o seu uso e dotarase ao pavillón de novos servizos – como unha sala de enfermería da que carece- para poder proceder á utilización das instalacións con plena seguridade.
Estas obras, atópanse actualmente en licitación, estando aberto o prazo de presentación de ofertas ata o 14 de setembro. O importe das mesmas ascende a un total de 142.697,39 euros, financiados con 50.000 euros de axuda da Dirección Xeral de Deportes da Xunta e o resto con cargo a un convenio coa área de Deportes da Deputación.
Co fin de dotar ao ximnasio de novo material, tamén se vén de adquirir maquinaria deportiva por importe de 13.664,95 euros, ao abeiro dunha axuda da Dirección Xeral de Deportes de 10.000 euros, asumindo o restante o Concello.
A alcaldesa manifestou a satisfacción do goberno por “continuar sacando adiante os proxectos que temos en mente e que requiren de tempo e esforzo de investimento e na busca de finanzamento, debido á delicada situación económica municipal e á cantidade inxente de investimentos que temos que afrontar mesmo para manter servizos básicos”.
Ana Ermida puxo en valor a “capacidade de priorizar os investimentos en base ás necesidades reais da poboación, o que debe facer calquera goberno serio que equilibre os servizos coa capacidade real do municipio, sen poñer en risco a súa viabilidade.” Neste sentido, a rexedora asegurou que o seu goberno “continúa traballando arreo para tecer lazos con todas as administracións que permitan seguir avanzando na mellora de Barreiros e atendendo tanto o día a día como a posta en marcha de máis e mellores servizos”.



















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.



