Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega; e o historiador Xosé Ramón Veiga, destacaron a figura da mecenas e a influencia na súa vida do seu pai, o mindoniense Juan Antonio de la Vega González
Mondoñedo, 1 de setembro de 2023. “A figura de Juana de Vega non se entendería sen a referencia de seu pai, o mindoniense Juan Antonio de la Vega González”, destacou hoxe o escritor e historiador Xosé Ramón Veiga durante a inauguración en Mondoñedo da exposición conmemorativa “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século” promovida pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do pasamento da mecenas e filántropa. A mostra itinerante, que está percorrendo Galicia, permanecerá na vila durante todo o mes de setembro tras pasar por Monforte de Lemos, terra natal da nai.
O evento contou tamén coa asistencia do alcalde, Manuel Otero Legide; e de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega. Xosé Ramón Veiga, autor da última biografía sobre Juana de Vega, que leva o mesmo título ca exposición, foi o encargado de presentar o seu vínculo con Mondoñedo a través da figura de seu pai. Neste sentido, Otero Legide, ademais de agradecerlle á Fundación a oportunidade de contar con Mondoñedo, valorou a mostra como unha boa ocasión para coñecer a relevancia histórica do seu antigo veciño.
O mindoniense Juan Antonio de la Vega González, fillo de solteira de María Bárbara González e orfo de nai con 8 anos, emigrou a Cuba con 14, onde amasou unha mediana fortuna. Tras casar coa monfortina María Josefa Martínez Losada, asentouse na cidade da Coruña con 27 anos e abriu unha casa de comercio para venda de produtos de ultramar e do Mediterráneo, entre outras empresas, que lle permitiron formar parte da burguesía de negocios herculina. Esta solvente situación económica, xunto coas súas ideas constitucionais -está considerado un dos primeiros liberais galegos-, impulsaron a educación e a formación ilustrada da súa filla, pouco común para as mulleres da súa época, ao tempo que espertaba o seu gusto pola lectura e a súa vocación política. Na etapa adulta, xa casada con Espoz y Mina, acompañou a Juana no exilio en Gran Bretaña, e tras a morte do xeneral, ata o seu falecemento en 1839.
A exposición “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872): Facer no século” é un relato sobre a historia desta muller ilustre, que desenvolveu unha intensa actividade benéfica e social. Progresista e liberal, foi unha avanzada para a súa época, e deixou unha gran pegada non só na cidade da Coruña senón tamén en toda Galicia e no resto do Estado. Neste sentido, Enrique Sáez Ponte recordou que “Juana de Vega foi a muller con maior relevancia política na España do s. XIX e exemplo sobranceiro do importante papel que as mulleres xogaron na Galicia da Idade Contemporánea”.
Todos aqueles interesados en visitar a exposición desta importante figura da historia de Galicia e de España, poden achegarse ao Auditorio Pascual Veiga ata o sábado, 30 en horario de luns a venres de 16.00 a 21.00h e os sábados, de 10.00 a 14.00h e de 16.00 a 21.00h.
Resumo dunha vida intensa en 20 paneis
Na mostra, distribuída en 20 paneis, percórrense as andanzas da súa familia, a guerra e a política de principios do século XIX, o seu casamento co heroe da Guerra de Independencia, Francisco Espoz y Mina, e o seu matrimonio. Tamén o exilio, os ataques sufridos polo militar navarro e a súa morte, que a converten na “viúva eterna”. Mais isto non foi óbice para que desenvolvese a súa faceta humana e intelectual ao longo dos anos. Desde a súa función como aia da raíña Isabel II ata a fundación de hospitais e hospicios ou a súa influencia nos círculos de poder para acadar sempre o fin de axudar aos máis necesitados.
A Asociación de Señoras, o Hospital da Caridade, o Asilo da Mendicidade e a Casa da Misericordia son algunhas das institucións que contribúe a crear e, sobre todo, manter. Juana de Vega tamén participou activamente nas iniciativas políticas liberais que se deron na cidade herculina e en Galicia. Polo seu parladoiro da rúa Real pasaron políticos, xornalistas e intelectuais. Persoeiros como José Pardo Bazán, Vicente Alsina, Hipólito Otero, Montero Telinge ou Arias Uría atopábanse entre as súas amizades. A súa implicación, sempre informal, no manexo das decisións políticas que afectan aos progresistas herculinos continúa como mínimo ata 1868, mais tamén os seus contactos cos primeiros espadas do partido a nivel estatal, en especial con Salustiano Olózaga.
Foi considerada como unha heroína pola súa loita contra o cólera, unha das doenzas máis mortíferas do século. Tamén destacou na defensa da memoria do seu defunto marido, preservando o seu legado e protexendo o seu recordo. Juana morre o 22 de xuño de 1872 con 67 anos. Deixa un testamento detallado e sistemático. As súas últimas vontades inclúen o reparto ben ordenado dos seus bens entre familiares, amizades moi queridas e diferentes institucións.
Remata a exposición cunha referencia á Fundación Juana de Vega, que foi constituída por vía testamentaria co obxectivo de crear unha escola teórico-práctica de agricultura na casa de verán en San Pedro de Nós en Oleiros (A Coruña). Hoxe, despois de 150 anos, continúa o seu legado adaptando o seu cometido á sociedade actual.
Esta exposición itinerante, organizada pola Fundación Juana de Vega, conta co patrocinio da Consellería de Cultura, e a colaboración do Concello de Mondoñedo e máis dunha vintena de institucións públicas e privadas que durante este século e medio gardaron, conservaron e catalogaron os fondos que tan xenerosamente Juana de Vega nos legou.
Tras visitar A Coruña, Santiago, Ourense, Vigo, Monforte e Mondoñedo, os seguintes destinos serán Madrid e Navarra.






















Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
Solicítase á veciñanza que retire os vehículos estacionados nesta zona durante a mañá do martes, co fin de facilitar o desenvolvemento dos traballos. A Policía Local colocará esta tarde a sinalización informativa correspondente. Durante as actuacións poderán producirse cortes puntuais de circulación, procurando facilitar o acceso aos garaxes da zona. A duración dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas e da súa evolución. O Concello de Viveiro agradece a colaboración da veciñanza e desculpa as molestias que se poidan ocasionar.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.
Tras unha parada nas Pontes para contemplar o lago e lembrar o pasado industrial da zona, o grupo visitou Pontedeume, onde repasou a historia da liñaxe dos Andrade e percorreu unha vila chea de patrimonio e vitalidade. Pola tarde, no mosteiro de Sobrado dos Monxes, os participantes apreciaron o legado da orde do Císter e do barroco galego, e escoitaron parte dunha mostra de música coral. A entidade agradeceu as explicacións de Enrique Campos, secretario da ACFL, así como as achegas de Celia Castro sobre arquitectura medieval e a vida cisterciense.



