Ribadeo, 18 de setembro de 2023. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, fai unha valoración moi positiva da IX Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, celebrada o pasado sábado. E agradece o traballo do voluntariado.
Silvent declarou: “desde o Concello facemos unha valoración moi positiva da novena media maratón Ribadeo-As Catedrais, celebrada o pasado sábado”.
O edil de Deportes subliñou que “foron máis de 700 corredores e corredoras os que participaron nesta importante cita deportiva, que move a centos de persoas chegadas desde moitos puntos e rexións: Galicia, Andalucía, Cantabria, Cataluña, País Vasco, Valencia, Aragón, Castela-A Mancha, Madrid ou Castela-León. Tamén tivemos participantes de Brasil, Alemaña, Uruguai, Polonia e Reino Unido”.
O concelleiro ribadense subliñou que “cada ano son máis os atletas que se animan a participar na media maratón Ribadeo-As Catedrais. Moitos veñen acompañados das súas familias ou de amigos e pasan a fin de semana na nosa vila, co que iso supón para os hoteis, para os restaurantes ou mesmo para o comercio”.
Francisco José Silvent tamén tivo palabras de agradecemento: “queremos agradecer a labor de todo o voluntariado co que contamos para que a proba se puidese desenvolver nas mellores condicións e sen incidencias. Grazas a Protección Civil e á Policía Local. E grazas tamén a Acisa Ribadeo por colaborar un ano máis con nós ao igual que a El Progreso, Mercadona, Gadis, Eroski, Coca Cola, Powerade, Grupo Breogán, Kia Breogán Car, Lexus Galicia, Breogán Motor, Centro Porsche A Coruña e LifePro”.
E engadiu: “grazas a todos os deportistas que acudiron a esta cita e noraboa ás gañadoras e gañadores. No Concello de Ribadeo xa estamos pensando na décima edición da nosa media maratón, que será en setembro de 2024”.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.


