“Todos lembramos como Pedro Sánchez e o BNG presumiron durante o último debate de investidura no Congreso de salvar Alcoa, e dous meses despois todos podemos ver como esa era outra mentira”, lamentou Balseiro
Compostela, 29 de de xaneiro de 2024. O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro demandou esta mañá na Deputación Permanente do Parlamento galego “actuar con lealdade e apoio aos miles de traballadores de Alcoa e ás súas familias, actuando con rigor, seriedade, unha estratexia conxunta e medidas que sexan legalmente viables, nas que se pola por diante o emprego e a actividade industrial da comarca da Mariña lucense”. Así, insistiu que a Xunta “apoiará con todas as ferramentas e competencias ao seu alcance para que a empresa cumpra os seus compromisos, incluída unha intervención temporal de Alcoa, unha decisión que corresponde adoptar ao Goberno central”; pero reiterou que “a viabilidade desta industria depende de que se garanta un marco eléctrico estable e competitivo, unha competencia exclusiva do Estado”.
Balseiro manifestou que “falamos de recuperar a produción dunha industria, a do aluminio primario, declarada como esencial durante a pandemia”. “Nin podemos, nin debemos permitirnos o luxo de non recuperar a única fábrica de aluminio primario que queda en España, polo que todos temos que estar á altura: a empresa, as institucións e os partidos políticos”.
Na súa intervención, lamentou que o futuro de Alcoa “suscita hoxe máis incertezas que esperanzas pola actitude da empresa, que está obrigada a ser transparente e a concretar o seu plan de negocio, ademais de cumprir todos os compromisos adquiridos, sen escusas nin improvisacións”.
“Teñan por seguro que o PPdeG, e toda a forza da Xunta, estará vixiante e apoiará con todas as ferramentas e competencias ao seu alcance para que a empresa cumpra”, subliñou o deputado popular, quen ratificou “o compromiso político do Goberno galego de apoiar unha intervención temporal de Alcoa, unha decisión que corresponde adoptar ao Estado”.
PROBLEMA ENERXÉTICO, NON INDUSTRIAL
José Manuel Balseiro apuntou, ademais, que “esta incerteza non só ten que ver co comportamento da empresa, porque aquí non estamos ante un problema industrial, senón enerxético”. “A viabilidade desa industria depende de que sexamos capaces de garantir un marco eléctrico estable e competitivo, unha competencia exclusiva do Estado e sobre a que PSOE e BNG non fixeron os seus deberes”, sinalou.
Neste punto, criticou que dous anos despois de que a empresa procedera ao apagado das cubas de Alcoa, o Goberno de Pedro Sánchez “nin elaborou un estatuto especial para as industrias electrointensivas, nin esgotaron todas as axudas e compensacións para esta industria, nin foron capaces de autorizar en prazo os parques eólicos que necesita Alcoa para abaratar a factura da luz”.
“Pero é que, ademais, todos lembramos como Pedro Sánchez e o BNG presumiron durante o último debate de investidura no Congreso de salvar Alcoa e dous meses despois todos podemos ver como esa era outra mentira”, lamentou Balseiro.
Así mesmo, recordou que “PSOE e BNG asinaron en 2020 un pacto de investidura prometendo axudas para a industria electrointensiva, e catro anos despois o futuro destas empresas está no aire porque hoxe pagan o triplo que en Francia ou Alemaña pola electricidade que consumen”.
“Socialistas e nacionalistas deben estar tan contentos con esta situación que, no novo pacto de investidura que asinaron hai pouco máis de dous meses fixeron desaparecer toda mención a Alcoa e, por suposto, á posta en marcha de medidas que rebaixen o prezo da luz para as empresas electrointensivas”, dixo.
Para rematar, José Manuel Balseiro sinalou que “no BNG din estar a favor dos traballadores de Alcoa e van coa CIG agarrados á pancarta, pero despois montan plataformas contra os eólicos que surtirán de enerxía a estas empresas ou presentan recursos para intentar bloquear a continuidade da balsa de lodos”.




















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



