Alfonso Villares visitou a dársena de Viveiro na que se actuará sobre a explanada de acceso ao peirao deportivo e viarios de conexión cun orzamento de 95.000 euros
Viveiro, 15 de marzo de 2024. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia investirá 263.000 euros en obras de mellora dos pavimentos das dársenas autonómicas da comarca lucense da Mariña ao longo deste 2024. Así o anunciou o titular do departamento autonómico en funcións, Alfonso Villares no transcurso da visita que realizou ao porto de Viveiro esta mañá.
Alfonso Villares, que estivo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou que este investimento responde as necesidades prioritarias detectadas nunha análise global realizada polo ente público para coñecer en detalle o estado dos firmes no conxunto dos 122 portos autonómicos. Deste traballo derivouse unha planificación de actuación a curto, medio e longo prazo na adecuación dos pavimentos para unha maior seguridade viaria.
No caso da Mariña inclúense nesta fase de actuación, que sairá a licitación no primeiro semestre para executarse neste ano, os portos de Ribadeo, Rinlo, Burela e Viveiro. Estas melloras sumaranse á renovación doutros tramos de firmes e pavimentos esgotados que se executou ao longo do 2023 e que na comarca da Mariña supuxo un investimento de 320.000 para os portos de Ribadeo, Foz, Burela e Viveiro.
Para este ano, en Viveiro está previsto un investimento de 95.000 euros para a renovación dos firmes na explanada do porto deportivo e nos viarios de conexión do porto. Ademais investiranse máis de 87.000 euros en Ribadeo; 6.000 en Rinlo (Ribadeo) e 74.000 euros no porto de Burela.
Ampliación de instalacións en Celeiro
Durante a súa visita a Viveiro, o conselleiro do Mar destacou tamén o investimento de máis de 650.000 que Portos de Galicia está a facer no porto de Celeiro para a ampliación das instalacións, que se atopa en execución.
Os traballos consisten na instalación de novas prazas de atraque mediante pantaláns flotantes e a recolocación dos pantaláns deportivos existentes. Con estas obras cúbrense as necesidades de toda a frota profesional e de recreo existente. Para a 3ª lista contémplanse 18 novas prazas de esloras entre 8 e 14 metros e para a náutica, 52 prazas de 6 metros.





















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



