A alcaldesa Carmela López destacou que Burela é “un exemplo de integración, sendo coñecedores de que queda aínda moito traballo por facer, e por iso estas visitas nos enriquecen para mellorar neste eido”
Burela, 8 de abril de 2024. O Concello de Burela recibiu no día de onte ao presidente da República de Cabo Verde, José Maria Pereira Neves, que visitou a vila xunto a embaixadores, cónsules e outros cargos públicos do país.
Pereira Neves visitou a Casa do Concello e asinou o libro de honra, afirmando que “é unha honra estar hoxe en Burela, que podería ser unha illa máis de Cabo Verde”. Pereira Neves apostou por “por intensificar a nosa relación a través do mar”.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, puxo en valor que “a comunidade caboverdiana conforma a identidade mesma desta vila”. “Leva décadas entre nós e a implicación é moi intensa, son veciños, amigas, compañeiros de traballo, nenos e nenas que falan galego”, sinala.
“Sentímonos afortunados de que este lugar sexa un exemplo de integración, sendo coñecedores de que queda aínda moito traballo por facer, e por iso estas visitas nos enriquecen para mellorar neste eido”, engadiu a alcaldesa.
Participaron tamén nesta recepción representantes do Goberno de España, da Xunta de Galicia e da Fundación Expomar. Posteriormente, a comitiva visitou o barco museo Reina del Carmen e as instalacións de ABSA, e o presidente mantivo un encontro coa comunidade caboverdiana residente en Burela.
“Cremos que foi unha xornada moi produtiva e emocionante, na que, dende a Área de Inmigración, trasladámoslle ao presidente os desafíos que atopamos e detectamos no servizo de atención a inmigrantes, tanto a nivel administrativo como social”, sinala o concelleiro Mario Pillado.
“Tamén tivemos a oportunidade de concretar co embaixador avances a nivel burocrático que poden supoñer melloras para os nosos veciños e veciñas, o que nos anima a seguir traballando nese camiño”, engadiu Pillado.
Por outra banda, o concelleiro de Mar, Ramiro Fernández Rey, destaca que “para Burela esta visita é un feito histórico que afianza aínda máis os fortes lazos que unen Cabo Verde coa nosa vila, agardamos que estes sigan a reforzarse”.





















A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.
Este venres visitaron Ferrol e As Pontes, e o sábado serán os actos institucionais de benvida no concello de Ribadeo. Pola mañá será inaugurada unha placa conmemorativa da visita, e despois a recepción oficial na Casa do Concello.
Villares detallou algunhas destas accións no encontro empresarial organizado en Vilalba pola organización profesional BNI LOU VCR Breogán, un grupo de networking integrado por unha trintena de empresarios e profesionais da provincia. Entre outras, referiuse ás axudas para favorecer o establecemento dos traballadores autónomos ou para o fomento da contratación; os plans do Igape para a expansión e innovación do tecido produtivo, ou as iniciativas de formación. “Apoiar as empresas, as pemes e aos autónomos é apoiar o futuro do territorio”, afirmou.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.



