Ribadeo, 6 de agosto, 2024. Desde o BNG de Ribadeo “consideramos insuficiente o anuncio feito este martes pola Xunta de Galicia a respecto do convenio sobre a reforma integral do hospital asilo. Felicitamos ao pobo de Ribadeo por termos conseguido entre todos e todas esa achega de 700.000€, pero non satisfai o 100% da obra, cousa que si vai ocorrer en concellos veciños. E polo que se refire ao grado de execución da obra, a 1 de xullo tan só ía executado o 6%. Este desleixo na evolución das obras de reforma ben poucos foguetes permite botar”.
“Dende o primeiro momento, por parte do BNG demandamos de forma reiterada e en diferentes instancias que a Xunta apoiase decididamente esta obra (e tamén outras). Pero hoxe, outra vez máis, recomendámoslle ao alcalde que abandone esa actitude triunfalista que amosa nas súas declaracións porque aínda queda moito por facer. O anuncio desta inversión por parte da Xunta deberíase ter producido hai anos, desde o momento en que se viu que era necesario acometer esa importante obra. Xa nada achegou cando a residencia de maiores. Menos mal que se decide a botar unha man nesta ocasión. Non podemos esquecer que a función asistencial que estas instalacións prestan é competencia exclusiva da Xunta de Galicia, por moito que o inmoble sexa de titularidade municipal”.
“Precisamente en base a iso temos que demandar que a achega da Xunta non se limite a unha cantidade que nin sequera cubre a metade da inversión total. Por moito que se conte coa doazón do Dr. Moreda, a Xunta debería achegar o total da inversión de dita reforma, como así está facendo con outros concellos próximos a Ribadeo aos que lles vai financiar o 100% das obras (tal é o caso de Riotorto ou Abadín). Por que motivo non segue o mesmo criterio con Ribadeo? Deberían explicarllo ao pobo de Ribadeo”.
“Hai que lembrar que para poñer en servizo o Hospital Asilo, ademais da súa reconstrución vai ser necesaria unha importante inversión en mobiliario e equipamento específico para que se poida realizar a súa función de atención e asistencia ás persoas usuarias. E para iso, ou tamén para o funcionamento diario, podería empregarse a doazón do Dr. Moreda como benfeitor, sempre que a administración competente, é dicir, a Xunta de Galicia, investise o 100% do custe total das obras”.
Por outra banda, “é unha mágoa que este anuncio do convenio chegue agora e non hai ano e medio (ou, incluso, antes). Porque facelo naquel momento tería evitado moito traballo en solitario por parte do Concello de Ribadeo ante a escandalosa ausencia da Xunta durante todo este tempo. Ademais, tería evitado tamén que, por parte do Concello, no ano 2023, se tivese que concertar un préstamo para a reconstrución do hospital asilo podendo destinar todos eses recursos a atender outras áreas municipais”.
“Cando desempeñamos responsabilidades de goberno en Ribadeo tiñamos claro o que había que facer máis alá de estratexias electoralistas. Consideramos que se trataba dun servizo fundamental para as nosas veciñas e veciños e puxemos todos os recursos posíbeis en conseguir o obxectivo: dispoñer de dous centros cunha atención excelente para os nosos maiores, coa axuda ou sen a axuda de quen está obrigada a colaborar: a Xunta. E deixamos feita e en funcionamento a nova residencia, o Centro de Atención a Maiores, cun sistema de funcionamento exemplar, e financiadas e adxudicadas as obras do Hospital-Asilo”.
“Outro capítulo non menos importante é o da evolución e o estado actual das obras. Segundo a certificación do propio Concello, no mes de xullo tan só ía executado o 6% do total das obras; máis dun ano despois da súa adxudicación por un prazo de 18 meses. Isto significa, nin máis nin menos, que as obras acumulan un enorme retraso con todas as consecuencias negativas que iso implica para Ribadeo e para as persoas necesitadas dunha praza para a súa atención. Cada día que pasa, cada retraso que se acumula, implica unha maior espera por parte das persoas maiores que están lonxe das súas familias por non poderen regresar á súa residencia. Queda moito por facer. Así que, Sr. Alcalde, póñase mans á obra”.





















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



