Os populares farán unha fronte común co obxectivo de que todo volva á normalidade neste emblemático areal
Lugo, 27 de agosto de 2024. O Partido Popular esixe ao Concello de Barreiros e á Demarcación de Costas do Estado que adopten de inmediato as medidas necesarias para solucionar o graves problemas existentes nos accesos á praia de San Bartolo. Así, os populares farán unha fronte común desde o Grupo Municipal no Concello de Barreiros e os Grupos Parlamentarios no Parlamento de Galicia e no Senado, co obxectivo de que todo volva á normalidade neste emblemático areal.
Un dos problemas existentes é a presenza dun foso aberto que ten, aproximadamente, 3 metros de boca e 10-15 metros de profundidade o cal está situado ao carón do paseo que discorre ao longo da praia. Polo tanto, “o perigo que aí existe é obvio e o único que hai son unhas vallas de “xoguete” polo que solicitamos que o goberno municipal do BNG, apoiado polo PSOE, corrixa de maneira urxente o perigo que existe neste momento con este foso”, sinalan os populares.
A principios do mes de xaneiro do ano 2021 produciuse un desprendemento de rocas de gran tamaño sobre a escalinata de acceso occidental da praia de San Bartolo. Neste senso, e ante as continuas declaracións da alcaldesa de Barreiros de que está en contacto con Costas do Estado e visto que, ante a inacción da administración estatal e municipal, estamos ante o cuarto verán cos accesos á praia pechados, os populares pregúntanse cales son os resultados das negociacións do goberno nacionalista de Barreiros co Goberno de España e consideran que en catro anos tanto o Goberno como o Concello de Barreiros tiveron tempo suficiente para retirar as rochas do derrubamento, reparar o cantil e impulsar as actuacións necesarias para evitar futuros danos.
Polo tanto, o Partido Popular reclama á administración estatal e municipal que se tomen en serio esta situación e que se acometan con urxencia os traballos que sexan necesarios para que a praia de San Bartolo se volva a abrir para que os veciños de Barreiros e os visitantes poidan gozar dela.
DAS MELLORES PRAIAS DA PROVINCIA
Cómpre lembrar que o municipio lucense de Barreiros ten nas súas praias un recurso natural de primeira magnitude e un dos atractivos máis importantes desde o punto de vista turístico, actividade fundamental para a economía local. Os areais son tamén un lugar de diversión, deporte e de saúde para os seus veciños.
A praia de San Bartolo é, sen dúbida, un dos espazos máis emblemáticos da costa de Barreiros, visitada por multitude de persoas e, xunto coa praia de Altar, son os dous areais máis coñecidos da localidade no exterior.
VÍDEO
O Partido Popular difunde un vídeo baixo o título “Salvemos a praia de San Bartolo (Barreiros)” dentro da súa ofensiva institucional en apoio deste areal que permanece cos accesos cortados dende fai 4 anos, tras un desprendemento, e presenta un enorme socavón xunto ao seu paseo.





















Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.



