Na comarca da Terra Chá, a Consellería destina máis de 1,3 millóns de euros a través destas axudas dirixidas á optimización das vías rurais
Castro de Rei, 10 de setembro de 2024. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, visitou hoxe os traballos de mellora de infraestruturas rurais deste concello lucense, para os que se destinaron preto de 270.000 euros a través das axudas para a rehabilitación de camiños de zonas de concentracións parcelarias e do Plan Marco. Cómpre salientar que no conxunto da comarca da Terra Chá, na que se atopa Castro de Rei, a Consellería do Medio Rural destina máis de 1,3 millóns de euros entre ambas as dúas convocatorias de achegas.
Nesta visita, María José Gómez puxo en valor as achegas destinadas para a mellora de camiños en concellos con zonas de concentracións parcelarias rematadas, convocadas por primeira vez neste ano. No caso concreto deste concello, sinalou, estas axudas supoñen un investimento de máis de 188.000 euros destinados ás tres parcelarias coas que conta.
A maiores, a conselleira explicou que destas axudas benefícianse un total de 38 concellos galegos, con actuacións en máis de 150 camiños ao longo de máis de 160 quilómetros. Para iso, cóntase cun investimento total de arredor de 5,1 millóns de euros.
O obxectivo destas actuacións, explicou, é o mantemento e acondicionamento das infraestruturas rurais, ao mesmo tempo que se mellora a capacidade portante dos camiños das redes de concentración ou reestruturación parcelaria que están rematadas, garantindo o tránsito de vehículos e maquinaria.
Plan Marco 24-25
A conselleira aproveitou esta visita para avanzar tamén os traballos realizados ao abeiro do Plan Marco na actual convocatoria 2024-2025, na que neste concello se destinan case 80.000 euros na mellora de camiños de titularidade municipal.
A actual convocatoria do Plan Marco supón un investimento de preto de 19,5 millóns de euros destinados para a mellora de camiños rurais e acceso a parcelas agrícolas nos 313 concellos de Galicia, unha cantidade un 16% superior fronte á anterior. Ademais, durante o período 2016-2023 concedéronse 121 millóns de euros para o citado plan, o que permitiu actuar en case 5.500 camiños e preto de 4.300 quilómetros de vías rurais.






















O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



