Alfoz, 21 de outubro, 2024. Unha semana despois de non levar os nenos ao colexio en sinal de protesta, as familias do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz séntense totalmente abandonadas pola Xunta de Galicia. A administración non só non respondeu ás demandas de cobertura da praza de Pedagoxía Terapéutica (PT), senón que demostrou unha indiferencia absoluta cara ás necesidades do centro. “Se despois dunha semana sen mandar os nosos fillos e fillas ao colexio, a Xunta non se moveu, queda claro que o seu obxectivo é abandonar definitivamente o colexio. Non lles importa o futuro dos nosos fillos e fillas”, denuncian as familias.
As familias consideran que “hai un abismo enorme entre dicir que non se necesita unha especialista en PT e afirmar que cos recursos actuais se pode atender con calidade ao alumnado”. Non hai vencedores nin vencidos, pero “hai un perdedor claro: os nosos nenos, que non están a recibir o apoio necesario. Temos claro que hai recursos para enviar ao noso centro, pero a Xunta quere castigarnos polas nosas reivindicacións e por alzar a voz ante a súa inacción”.
A decisión de continuar con novas medidas de protesta tomouse tras unha reunión mantida desta tarde, despois de recibier as novas sobre a xuntanza mantida este luns entre a Dirección do Centro e o Delegado Territorial da Xunta, Javier Arias, “quen tampouco quixo atender as demandas das familias do CEIP Castro de Ouro, poñéndose de perfil e ignorando as necesidades educativas que leva tempo reclamando a comunidade escolar”.
As familias saben que, nalgún momento, por responsabilidade, terán que volver levar os nenos ao colexio. “Somos nós quen temos que facer o correcto, pero a administración segue negándose a facer o seu traballo. A nosa loita non remata aquí. Seguiremos adiante con novas accións e, desde a ANPA, continuaremos apoiando ás familias con nenos con necesidades especiais nas súas reivindicacións”, anuncian.
Ademais, as familias denuncian as ameazas recibidas con expedientes de absentismo escolar. “Amenazar aos pais con expedientes de absentismo non é a maneira de solucionar a situación, e por suposto non é maneira de parar a nosa loita. Non nos amedrentarán con este tipo de presións ruíns”, afirman con rotundidade.
Como parte das novas accións, as familias do CEIP Castro de Ouro confirmaron que asistirán á manifestación convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que terá lugar o sábado 26 de outubro ás 12 horas na Alameda de Santiago de Compostela, co fin de facer visible o seu malestar e continuar presionando á administración para que cubra as necesidades do centro.
As familias están convencidas de que a falta de resposta é unha represalia pola súa firmeza e pola repercusión mediática das protestas. “A Xunta non quere diálogo, nunca deu a cara nin quixo falar con nós. Prefire castigar a quen eleva o ton e expón o problema nos medios, en lugar de darnos solucións”, afirman con tristeza e indignación.
Despois de escoitar as mentiras e evasivas da administración, os pais consideran que a Xunta xa tomou a súa decisión: deixar ao CEIP Castro de Ouro á súa sorte. “Se en toda unha semana non moveron un dedo, está claro que nos queren abandonar. Pero nós non pararemos ata que se cubran as necesidades do noso colexio. Non deixaremos que xoguen co futuro dos nosos fillos”, conclúen con firmeza.




















Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.
O 14 inaugúrase o Rincón da Poesía, con música de gaitas e concerto de Xuaco Amieva, ademais da presentación de Viaxe a Dacondo I. O 21 terá lugar un recital poético-musical na Casa de Cultura, con música en directo, participación de autores locais, presentación do libro Tu voz en mi voz e homenaxe a Luis Pérez del Súcaro.
Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.



