Burela, 11 de outubro, 2024. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e a Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela, presentaron este venres 11 de outubro unha nova edición do “Camiño Gastronómico do Mar”, unha iniciativa gastronómica que mantén o dobre obxectivo co que se lanzou hai xa cinco anos: fomentar o consumo de peixe e promocionar o “Camiño do Mar”.
O acto tivo lugar no Salón de Actos de Armadores de Burela e estivo presidido polo Conselleiro de Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, contando coa presenza de representantes de varios dos concellos polos que discorre a acción, como Ribadeo, Burela, Cervo, Xove, Viveiro ou Mañón; así como representantes doutras entidades relacionadas co mar, como o Galp A Mariña Ortegal ou a Fundación Expomar. Ao acto tamén asistiu a Asociación Cociñeiros Lugo, cuxos chefs se encargan das degustacións ao final de cada etapa, e varios membros da asociación Amigos do Camiño do Mar, que participan nos roteiros semanais cada ano.
Sergio López, xerente da OPP Burela, presentou esta nova edición facendo un balance das catro edicións anteriores, sobre todo da última, xa que se repite o mesmo formato do ano pasado. Tamén animou a todos os veciños do norte de Galicia a unirse a estas andainas gastronómicas que serven para seguir promocionando o consumo de peixe e “Peixe de Burela”, poñendo en valor a riqueza das diferentes especies pesqueiras da lonxa burelense.
Manuel Vicente, presidente da Asociación Amigos Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela, destacou que o “Camiño do Mar” é xa unha realidade como Camiño de Santiago, que empezou con 70 compostelas o Xacobeo de 1993, e o Camiño do Mar vai pechar este ano 2024 superando as 200 credenciais, recibindo a peregrinos de ata 26 nacionalidades.
“O Camiño do Mar pode chegar a ser o mellor embaixador para potenciar as economías dos nosos concellos, garantíndonos un futuro. Así que a Alfonso, como veciño, como amigo e como conselleiro, pídolle que se fagan as xestións pertinentes para que o Camiño do Mar estea recoñecido pola Xunta antes do 2027 e aproveitar así o efecto do próximo Xacobeo 2027. Será unha maneira de demostrar o apoio á Mariña Lucense, Ortegal e Ferrolterra”.
Finalmente, Alfonso Villares, conselleiro de Mar da Xunta de Galicia, aplaudiu un ano máis este tipo de iniciativas que organizan desde o porto de Burela, poñendo en valor o dobre obxectivo da campaña: o patrimonial, impulsando esta ruta xacobea do norte de Galicia, e o pesqueiro, promocionando o consumo de peixe. O conselleiro mesmo renovou a súa promesa de tomar parte nalgunha destes roteiros, que promocionan a mesmo tempo o territorio e a saúde, a través do consumo de “Peixe de Burela” e da práctica de exercicio ao aire libre.
Durante as próximas sete fins de semana os participantes no “Camiño Gastronómico do Mar” poñerán as botas para percorrer cada domingo unha etapa especial da ruta xacobea, que cruzará as comarcas da Mariña Lucense e Ferrolterra-Rías Altas e pisará os quince concellos da costa norte de Galicia polos que pasa o Camiño do Mar, desde Ribadeo ata Neda, visitando cada domingo dous deles. En total serán sete etapas de aproximadamente 15 km cada unha.
Este mesmo domingo 13 de outubro celébrase a primeira das xornadas, que partirá de Ribadeo e tamén visitará o concello de Barreiros. Seguirán as etapas de Foz-Burela o seguinte domingo día 20, Cervo-Xove o 27 de outubro, Viveiro-O Vicedo o domingo 3 de novembro, Mañón-Ortigueira o 10 de novembro, Cariño-Cedeira o domingo 17 e finalmente unha tripla etapa final, o domingo 24 de novembro, que percorrerá os concellos de Valdoviño, Narón e Neda. As inscricións para tomar parte en cada etapa deben realizarse ata o xoves desa semana na web da asociación (www.asocaminodelmar.com/acciones/2024/camiño-gastronomico).
Ao final de cada etapa ofrecerase a todos os participantes unha degustación de produtos da lonxa de Burela a cargo dos chefs da Asociación Cociñeiros Lugo, coa colaboración de Estrela Galicia e Cabreiroá. “É un pracer para Hijos de Rivera volver colaborar co ‘Camiño Gastronómico do Mar’, unha iniciativa coa que compartimos obxectivos: fomentar o consumo de produtos da nosa comunidade e apoiar ao sector hostaleiro, neste caso, a través da Asociación Cociñeiros Lugo, con quen mantemos unha estreita colaboración”, manisfestaba o delegado da zona de Estrela Galicia.
E ademais da satisfacción de pisar camiños milenarios e saborear a gastronomía do mar, os participantes no “Camiño Gastronómico do Mar 2024” tamén poderán selar en cada concello a súa particular “Compostela” e optarán a un premio final, xa que entre todos eles sortearase como premio final unha comida ou cea para dúas persoas no restaurante O’Asador del Alba (Barreiros), socio da Asociación Cociñeiros Lugo.
Esta acción está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.




















Este lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 14 axentes, 20 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
José Luis Teso Celis é o vendedor da ONCE que repartiu estes cartos na localidade mariñá, desde o seu punto de venda situado na Avenida da Mariña, número 46.
Durante a xornada realizarase un mural inspirado na obra Diálogo (1946) de Luís Seoane, que Maruja Seoane levou a tapiz ese mesmo ano. A organización convida a toda a veciñanza a participar con lecturas, conversas, cantos, bailes e un xantar compartido.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.



