O Vicedo, 13 Outubro, 2024. Efectuouse un corte no tráfico ferroviario. O accidente tivo lugar arredor das 15:30 horas, momento no que un coche saíu da calzada e caeu nas vías do tren no Vicedo, nunha zona próxima ao lugar de Espiño, segundo informou o alertador ao 112 Galicia.
Decontado, desde a Sala de Operación do 112 Galicia informouse a Adif Emerxencias, que por precaución cortou o tráfico ferroviario na vía afectada. Arestora xa foi restablecida a circulación. Tamén se avisou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 logo de que un dos particulares que alertou solicitase unha ambulancia por un implicado que se atopaba mal, ademais de aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo.
O coche sería retirado máis tarde das vías do tren e desde Protección Civil indicaron que un dos implicados tivera que ser trasladado ata o hospital, aínda que a persoa atopábase en bo estado.