Financiadas pola Deputación de Lugo, as actividades desenvolveranse en 16 parroquias de forma totalmente gratuíta e sen necesidade de inscrición previa
Vilalba, 4 de novembro de 2024. O Concello de Vilalba vén de anunciar un novo programa de dinamización rural a través de diversas actividades financiadas pola Deputación de Lugo e dirixidas a todas as xeracións.
En concreto, o programa de dinamización rural inclúe actividades de iniciación ao deporte, manualidades, memoria, ximnasia de mantemento e novas tecnoloxías que se levarán a cabo nun total de dezaseis parroquias: Lanzós, Carballido, Torre, Nete, Noche, Tardade, Árbol, Alba, Sancovade, Ladra, Distriz, Santaballa, Belesar, Vilapedre, Codesido e Goiriz.
“Grazas ao compromiso da Deputación de Lugo co noso Concello puidemos impulsar este novo programa de dinamización rural que se levará a cabo en todas aquelas parroquias nas que as asociacións de veciños manifestaron a súa vontade de participar”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Nesa liña, dende o Concello de Vilalba realizouse unha rolda de contactos previos con todas as asociacións veciñais rexistradas nas diversas parroquias do municipio, de tal forma que as actividades de dinamización rural se repartiron entre as asociacións interesadas en participar neste novo programa.
Así, as actividades terán lugar nos meses de novembro, decembro e xaneiro en horario de tarde de luns a venres. Os veciños interesados en participar nas mesmas non precisarán inscribirse de forma previa e tampouco deberán abonar ningunha cota, pois trátase de actividades totalmente gratuítas.
Finalmente, a alcaldesa, Marta Rouco, quixo salientar “a importancia da colaboración entre institucións para poder sacar adiante proxectos de interese xeral, como neste caso a Deputación de Lugo, que amosa, unha vez máis, o seu compromiso co noso municipio a través deste novo programa de dinamización rural”.




















A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



