A brasileira impúxose na vixésimo quinta edición dos premios Jako Futsal Awards, que concede a prestixiosa publicación Futsal Planet
Burela, 15 de xaneiro, 2024. Emilly, futbolista brasileira do Burela FS, foi designada mellor xogadora do Mundo de fútbol sala feminino no 2024 polos premios Jako Futsal Awards 2024, un galardón que concede a prestixiosa publicación especializada en fútbol sala Futsal Planet e que este ano acada as súas vodas de prata distinguindo á elite mundial do noso deporte. Emilly, que xa fora nomeada entre as dez finalistas nos últimos anos, recibe así o xusto premio a un excelso ano 2024 no que logrou co conxunto burelista os títulos de Liga e Supercopa, ademais de ser nomeada por segundo ano consecutivo polas súas compañeiras de profesión, nos premios da Asociación de Xogadoras de Fútbol sala Feminino, como a MVP da Primeira Iberdrola de fútbol sala.
Emilly Micaela Marcondes naceu o 6 de setembro de 1994 (30 anos) na Ilha dos Valadares, unha illa dentro do municipio de Paranaguá, no estado de Paraná. Comezou a xogar con 5 anos ao fútbol sala e con 14 empezou unha carreira deportiva que a levou no seu país polo Telemaco Borba, o Estrela de Guarulhos, o Unifor e o São José, desde onde deu o salto a España para fichar polo Torreblanca Melilla no verán de 2020. Despois de deslumbrar durante unha tempada no conxunto norteafricano, no que foi MVP da Copa da Raíña e rematou terceira na táboa de goleadoras con 26 tantos, comprometeuse en xullo de 2021 co Burela FS, club no que desde o primeiro momento demostrou a súa calidade, a súa potencia física e a súa voracidade goleadora fronte ao marco contrario grazas a unha capacidade de definición impresionante polo seu excelente golpeo con ámbalas pernas.
No seu primeiro ano como laranxa contribuíu aos títulos da Copa da Raíña, a Supercopa e a Futsal Women’s European Champions organizada en Lugo, así como ao subcampionato ligueiro. Xa na 2022/2023, Emilly alzouse cos tres títulos nacionais e axudou a conseguir o póker de entorchados coa súa primeira Copa Galicia, logrando ademais 28 goles na liga regular e sendo a segunda máxima goleadora da competición.
Mentres, o pasado curso coroábase campioa da Copa América coa selección brasileira e co Burela FS adxudicábase a Supercopa e a liga. Non puido en cambio contribuír a facerse coa Copa da Raíña porque unha inoportuna lesión nos cuartos de final apartábaa da cancha e o equipo caía eliminado contra o Futsi Atlético Navalcarnero. A pesar de que esta lesión e a participación na Copa América fíxolle perderse varios encontros terminou como segunda máxima artilleira con 34 goles. Esta tempada é a actual máxima goleadora con 22 dianas en 16 encontros.
Ademais dos títulos colectivos, Emilly Marcondes acumula incontables galardóns individuais, xa que é unha habitual na maioría de premios destas características. De feito, foi designada MVP da Liga polas súas compañeiras nas dúas últimas tempadas, así como mellor á destra do pasado curso, sendo ademais finalista para o á esquerda.
Dúas xogadoras e segunda ocasión
Esta é a segunda ocasión na que unha futbolista do Burela FS recibe esta distinción polo seu desempeño coa elástica laranxa. A primeira foi a lenda burelista Patricia González Mota, ‘Peque’, que foi condecorada con este premio no ano 2022.
Ademais, este recoñecemento a Emilly supón que coincidirán dúas futbolistas do actual plantel burelista con este galardón no seu poder, xa que a tamén brasileira Cilene Pereira Paranhos recibiuno no ano 2008, cando aínda xogaba no seu país nas filas do Jaguaré.























Estes servizos sumaranse aos que xa permanecen abertos habitualmente, como os do parque Pernas Peón. O Día das Tortillas, que se celebra o domingo anterior ao Domingo de Ramos, reúne cada ano a veciños e visitantes en varios espazos do municipio. Con esta medida, o Concello busca facilitar o desfrute da xornada e mellorar a comodidade das persoas asistentes. Desde o Concello de Viveiro lémbrase tamén a importancia de facer un uso responsable das instalacións públicas, de manter limpos os espazos naturais e de respectar as n
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
A actividade conta coa colaboración do Concello.
O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.



