Comezamos un ano novo. O paso inexorable do tempo fai que teñamos que arrincar unha folla dun calendario que dá paso a un novo ano. É unha maneira de medir o tempo pero tamén de tomar consciencia do seu paso e a súa fugacidade, da súa pegada e a súa marca para ben e para mal.
Hai uns días reuníame cos xornalistas para facer balance do ano que se nos vai. Axudábame para poder render contas do que se fixo. Tamén era unha maneira de repasar as moitas noticias que, ao longo dos meses e os días, a nosa Iglesia foi xerando. Máis de 400 noticias apareceron nos diferentes medios institucionais da nosa diocese. Noticias que nos falan de vida, de tempo dedicado aos demais, de esforzos por traballar pola xustiza, de encontros para gozar da vida nova que nos vén de Cristo, de desexos de anunciar a Boa Nova.
E, á parte delas, cantas noticias que non aparecen, pero que son o día a día das nosas comunidades e que sosteñen o noso quefacer! É precisamente nesa vida ordinaria e sinxela, desde a xente anónima á que quero valorar e agradecer, onde se van tecendo as redes e a historia concreta da nosa Igrexa e das súas parroquias. A visita pastoral que veño realizando todas as semanas sérveme precisamente para achegarme a todas esas historias sinxelas e fundamentais que constitúen o rostro concreto do Evanxeo na nosa terra.
Naquel encontro con xornalistas sinaláballes que, desde o meu punto de vista, nese elenco de “grandes” noticias había tres que me parecían fundamentais do ano que deixamos: o nomeamento de don Antonio Valín como novo bispo de Tui-Vigo, polo que supón de recoñecemento ao noso presbiterio; a constitución do novo Seminario Interdiocesano, polo que significa de aposta e novidade para a mellora da formación dos nosos seminaristas; e a presenza de laicos no consello episcopal, polo que expresa de vontade de avanzar nunha Igrexa conformada por todos en sinodalidade.
Tamén lles sinalaba o que, desde o meu punto de vista, significan algunhas sementes que se sementaron durante o ano e que están chamadas a florecer no silencio do que é semente evanxélica. Refírome ás iniciativas que manifestan a vontade da nosa Igrexa de xerar, ao estilo de Xesús, outra humanidade diferente na que tomemos consciencia do don sacro da dignidade humana e o que supón. Nese sentido valoro os encontros que, desde a nosa Igrexa e no marco das Semanas Sociais, tivemos crentes e non crentes, persoas de diferentes procedencias e signos políticos e sociais, coa intención de achegar e edificar unha cultura do encontro. Tamén o que significou neste sentido a experiencia da acollida cristiá no Camiño de Santiago que tanto éxito tivo. Igualmente a iniciativa de “Amigos do Señor”, na capela das Escravas de Ferrol, onde máis de sesenta e cinco voluntarios pasan unha hora semanal de adoración ante o Señor para ser transformados desde o silencio e o encontro. Ou o que a nosa Cáritas realiza nos seus diferentes programas, como resposta a unha “sociedade do risco” que procura unha integración precaria: por exemplo, o que supoñen as súas dez vivendas ante un problema tan grave ou o que significan as súas iniciativas coas persoas inmigrantes para acollelas e integralas.
Son algunhas das páxinas máis belas que, entre todos, escribimos durante este ano que despedimos. Acollemos agora un novo ano que nos vén cun apelido: xubilar. Ano chamado, por tanto, a enchernos de gozo, porque cando se cimenta desde a esperanza que nos dá a nosa fe na vida eterna posibilítanos afastarnos de todo medo, tristeza e desconsolo.
Desde a esperanza, deséxote un feliz Ano Xubilar. O teu irmán e amigo,
Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol


















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



