Haberá tamén showcooking a partir das 12.00 horas na carpa da Praza dos Campos con degustación de ourizo cocido na carpa da man da asociación Mistura
Cervo, 14 de marzo do 2025. A XXXII edición da Festa do Ourizo terá lugar este sábado 15 de marzo, en San Cibrao. Para ese día están programadas diferentes actividades que terán ao equinodermo como protagonista como tributo á nosa cultura gastronómica e ao mar que nos rodea.
A cita foi presentada pola tenente alcaldesa Mali Méndez, o concelleiro Alfredo Fernández, e por representantes da hostalería local e da asociación Mistura, que participan neste evento declarado de Interese Turístico Galego.
O programa arrincará ás doce do mediodía cun Showcooking que poderá ser seguido en directo polo público asistente que a continuación poderá degustar as tapas elaboradas polos chefs participantes.
Ademais a asociación Mistura tamén ofrecerá desde o mediodía unha degustación de ourizo cocido na mesma carpa instalada na Praza dos Campos.
O día da festa os locais participantes –O Noso Lar, As Titas, Bodega de Ana, O Faro, A Penúltima, Maruxaina e Bar Habana- ofrecerán diferentes variedades aos visitantes durante toda a xornada.
A xornada estará amenizada por diferentes agrupacións musicais, e xa pola tarde haberá pasarrúas da man das Charangas Europa e Santa Compaña.
Xa pola noite, desde as 23:00 horas a amenizará a velada a orquestra Cordosom na Praza dos Campos.
En palabras da alcaldesa, esta festa é moito máis que un evento gastronómico; é unha celebración que nos permite compartir con veciños e visitantes “a esencia do noso territorio nunha xornada para desfrutar e saborear este manxar do noso mar”.
A rexedora tamén quixo poñer en valor o traballo dos hostaleiros, “que coa súa creatividade e dedicación transforman ano tras ano o ourizo do mar en auténticas obras de arte culinario con receitas que non só respectan a tradición senón que tamén logran innovar e sorprender os nosos padais”.
Desde o Concello de Cervo convidan a veciños e visitantes a participar nas diferentes actividades programadas con motivo desta festa para desfrutar dun dos produtos máis emblemáticos do noso litoral, declarada de Interese Turístico Galego desde o 2008.